O conselleiro de Sanidade, acompañado do xerente da área sanitaria, visitou as obras de humanización da sala de espera de oncoloxía médica do Hospital Clínico
Gómez Caamaño salienta o investimento da Xunta de 1 M€ para facer da terraza do Hospital Clínico unha área de espera humanizada para os pacientes oncolóxicos que entrará en servizo tras o Nadal
As obras abranguen un espazo de máis de 300 m2 que foi pechado por completo para a súa correcta climatización, mantendo as vistas ao Monte de Moas
Cada día preto de 200 pacientes, ao redor de 3.000 ao ano, ademais dos seus familiares, agardan para recibir tratamento no hospital de día de oncohematoloxía
O proxecto tivo en conta a voz dos pacientes, posto que as súas liñas definíronse logo dunha reunión entre a Xerencia e os responsables de oncoloxía con representantes dos doentes
Ademais de xerar un ambiente máis agradable para os usuarios e de mellorar as condicións de accesibilidade, ampliouse o número de prazas ata as 113
A Xunta está a levar a cabo tamén esta iniciativa de humanización nos hospitais doutras áreas sanitarias
Para o Executivo galego, o cancro é unha cuestión central e prioritaria, procurando mellorar desde todos os eidos, tanto a prevención, como a detección temperá e o acceso aos diagnósticos e tratamentos máis avanzados
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe o investimento do Goberno galego dun millón de euros, entre obra e equipamento, na transformación da terraza do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela nunha área de espera humanizada para os pacientes oncolóxicos, que se porá en servizo logo do Nadal, unha vez reorganizados os circuítos asistenciais.
Gómez Caamaño, acompañado do xerente da área sanitaria, Ángel Facio, supervisou o avance das obras da nova área de espera do hospital de día de oncohematoloxía, que teñen por obxectivo ofrecer un espazo humanizado no que agardar para recibir tratamento a preto de 200 pacientes diarios, ao redor de 3.000 ao ano, ademais dos seus familiares
Con ese fin, decidiuse transformar a terraza do hospital e aproveitar este espazo e as súas vistas para crear un lugar confortable para os pacientes e acompañantes. As obras abrangueron un espazo de máis de 300 m2 que foi pechado por completo para a súa correcta climatización, mantendo as vistas ao Monte de Moas.
As obras están xa concluídas e estase pendente de recepción do mobiliario, cuxa instalación será levada a cabo nas vindeiras semanas.
Gómez Caamaño puxo en valor que este proxecto tivo en conta a voz dos pacientes, posto que as súas liñas definíronse logo dunha reunión entre a Xerencia e os responsables de oncoloxía con representantes dos doentes, asegurándose así incorporar as súas necesidades e prioridades.
Deste xeito, ademais de xerar un ambiente máis agradable para os usuarios e de mellorar as condicións de accesibilidade, ampliouse o número de prazas ata as 113.
O conselleiro referiu que o servizo de oncoloxía do Clínico ten unha actividade asistencial moi elevada, realizando máis de 300 procedementos diagnósticos e terapéuticos que poden duran desde uns minutos ata as oito ou nove horas.
A estadía media por paciente é dunhas tres horas, por iso é imprescindible transformar esta sala nun lugar máis funcional e cómodo, pensado para aliviar a carga emocional que supón un tratamento oncolóxico.
Cuestión prioritaria
O máximo responsable sanitario explicou que a Xunta xa está a levar a cabo tamén esta iniciativa noutros hospitais das áreas sanitarias de Vigo, Ourense e Ferrol, formando parte dun plan de humanización máis amplo dirixido ás salas de espera dos servizos de oncoloxía. Nesta medida, o Executivo galego está a investir máis de 1,5 millóns de euros.
Nestas intervencións incorpóranse materiais cálidos como a madeira, para crear un ambiente máis afable, que contribúa a reducir a ansiedade e mellore a experiencia dos usuarios.
Segundo incidiu o conselleiro, para o seu departamento o cancro é unha cuestión central e prioritaria, procurando mellorar dende todos os eidos, tanto a prevención, como a detección temperá e o acceso aos diagnósticos e tratamentos máis avanzados.
O Sergas quere que todos os pacientes oncolóxicos teñan as mellores condicións e que a súa estancia no hospital non sexa unha carga engadida, por iso a humanización dos espazos hospitalarios é outra das prioridades do Executivo galego.
Con iniciativas como esta, a Xunta reafirma o seu compromiso cunha sanidade pública moderna e eficiente, incidindo na súa parte máis humana e máis próxima.