A Xunta subliña o papel do Centro Integrado de FP Compostela no impulso das ensinanzas de hostalaría

A directora xeral de FP participa nos actos do 50 aniversario da X promoción de Cociña, servizos e rexiduría de pisos da antiga Escola de Hostalaría de Lamas de Abade

Santiago de Compostela,  21 de novembro de 2025

A Xunta de Galicia pon en valor a traxectoria do Centro Integrado de FP Compostela, en Santiago de Compostela, no impulso e afianzamento das ensinanzas dos ciclos da familia de Hostalaría e turismo como exemplo de calidade, innovación e empregabilidade.

Así o salientou hoxe a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, con motivo da súa participación nos actos conmemorativos do 50 aniversario da X promoción de Cociña, servizos e rexiduría de pisos da antiga Escola de Hostalaría de Lamas de Abade, xerme do actual CIFP Compostela.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou o “importante labor” desenvolvido ao longo de medio século tanto polos docentes como polos alumnos para “prestixiar” os estudos de Formación Profesional en xeral e os de hostalaría en particular. De feito, puxo como exemplo “a gran cantidade de recoñecidos profesionais que saíron destas aulas e que hoxe son referentes de éxito”.

O encontro de hoxe reúne a 27 antigos alumnos que, ademais de gozar dunha xornada de confraternización, tiveron a ocasión de comprobar de primeira man a evolución da súa antiga escola, convertida agora pola Xunta en Centro Integrado de FP, dotado con novidoso equipamento e tecnoloxías para a mellor formación dos alumnos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2025