A Xunta enxalza a excelencia do sector galego da comunicación e o márketing como selo de calidade
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na entrega da décima edición dos Premios Paraugas, que conta co apoio do Goberno galego
Como novidade, os galardóns introducen o Premio Especial Galicia Calidade, co que se distingue ao anunciante, axencia ou proxecto revelación que mellor reflicta a excelencia e a creatividade galega con proxección exterior
Ferrol, 21 de novembro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto coa xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou na entrega da décima edición dos Premios Paraugas-Premios da Comunicación e do Márketing de Galicia, promovidos polo Clúster da Comunicación de Galicia e que contan co apoio da Xunta. Na súa intervención, o conselleiro salientou a excelencia do sector galego da comunicación e do márketing como mostra do selo Galicia Galidade.
Segundo Diego Calvo, os profesionais destas áreas son auténticos embaixadores desta marca, xa que lle dan visibilidade aos produtos, servizos e empresas da comunidade, polo que lles agradeceu que poñan o seu talento ao servizo de Galicia. O conselleiro referiuse tamén ao valor que suman a comunicación e o márketing ao conxunto da sociedade desde o punto de vista artístico e cultural, contribuíndo a reforzar e difundir a identidade galega.
A colaboración da Xunta con estes premios responde ao compromiso da marca Galicia Calidade coa promoción do talento e da innovación como motores de desenvolvemento económico e social. Como novidade, introduciuse o Premio Especial Galicia Calidade, co que se distingue ao anunciante, axencia ou proxecto revelación que mellor reflicta a excelencia e a creatividade galega con proxección exterior. Ademais, a marca de garantía contou cunha presenza durante a gala a través da proxección dun vídeo institucional e na entrega do galardón, reforzando a conexión entre a comunicación, a calidade e a identidade galega.