A Xunta participa na reunión do padroado de IFECO na que se abordou a planificación da entidade para o próximo exercicio

Os representantes autonómicos destacaron o papel estratéxico de IFECO na dinamización económica e empresarial da provincia

A Coruña, 24 de novembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto a Gabriel Alén, director xeral de Comercio e Consumo, participaron hoxe na reunión ordinaria do Padroado da Fundación Instituto Feiral da Coruña (IFECO), na que se abordaron cuestións clave para a planificación, xestión e proxección da entidade de cara ao próximo exercicio. A sesión tivo lugar nas instalacións do recinto feiral.

Os representantes autonómicos destacaron o papel estratéxico de IFECO na dinamización económica e empresarial da provincia, e lembrou que a Fundación conta cun Plan Estratéxico 2023–2028, aprobado polo Padroado, que marca as directrices do seu desenvolvemento para este ano 2026.

Por una banda, recolle o crecemento do ingreso, que aposta por abrir novas liñas de negocio, incrementar a actividade MICE, impulsar feiras e eventos propios, fortalecer a comercialización e actualizar prezos e servizos, ademais aposta por garantir a fortaleza financeira, centrada na implantación dun novo modelo de conta de resultados, na introdución de KPI para a análise de eventos, na avaliación de riscos, na optimización dos custos e na planificación das inversións a medio e longo prazo.

Outros dos eixes deste plan é a optimización operacional, que inclúe o dimensionamento das equipas de traballo, o desenvolvemento de protocolos operativos, a consolidación de acordos estratéxicos, así como o reforzo dos sistemas de control e seguridade e finalmente a potenciación do produto, mediante calendarios de mantemento, accións preventivas, estratexias de comunicación e posicionamento de marca, mellor aproveitamento dos espazos e incorporación de elementos innovadores que melloren a experiencia dos usuarios.

O Goberno galego continuará apoiando o traballo de IFECO para consolidar o recinto como un espazo de referencia para a celebración de feiras, congresos e eventos profesionais, contribuíndo así á dinamización do tecido empresarial e ao crecemento económico da provincia.



Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2025