As obras de mellora do CIFP Manuel Antonio, cun investimento de 1,5 M€, xa están executadas ao 75%

Terceira reunión da comisión de seguimento dos traballos, onde se informa do calendario e reafírmase que a intervención cumpre todas as normas de seguridade

As actuacións están moi avanzadas, coa previsión de rematar no mes de marzo, e con medidas extraordinarias para reducir o seu impacto na actividade lectiva e nos exames, traballando por exemplo en sábados e desde as dez da noite ata as seis da mañá

A intervención non se puido concluír durante o verán polo retrasos dos diferentes permisos necesarios, así como da licenza municipal

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ten executadas xa ao 75% as obras de mellora do Centro Integrado de FP Manuel Antonio, onde inviste 1,5 M€. Así se comunicou aos membros da comisión de seguimento dos traballos que se están a realizar no centro vigués, aos que se informou do calendario dos próximos pasos da intervención. De feito, estase a traballar en conxunto co centro para que os traballos interfiran o mínimo posible na realización de exames.

Hoxe tivo lugar a terceira reunión deste órgano creado para manter informada á comunidade escolar dos avances nestas tarefas, que está previsto rematar en marzo e que contan con medidas extraordinarias para minimizar o impacto na actividade lectiva. Por exemplo, para a impermeabilización do exterior estase a traballar os sábados e tamén, durante a semana, en horario nocturno, entre as dez da noite e as seis da mañá, de tal forma que se reducen as molestias do olor do produto aplicado, así como o ruído e a presenza de po nas inmediacións. Durante o resto da xornada laboral diúrna, a execución da obra está moi condicionada, con limitacións de só tres horas para picados e traballos de ruído. Todo isto repercute nun maior custo das obras e amplía a súa duración.

No marco destas comisión informouse tamén da imposibilidade de rematar os traballos o verán pasado polo retraso tanto nos diferentes permisos que foi necesario reunir, así como da concesión da licenza municipal, polo que non se puideron iniciar as obras ata o mes de xuño. Tamén das demoras derivadas das condicións climatolóxicas do outono.

Así mesmo, detallouse que a obra está a desenvolverse con todas as condicións de seguridade, cumprindo cos requisitos revisados pola Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social e polo persoal técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) en visitas ao centro. Ademais, reafirmouse que non hai amianto nas cubertas, polo que non é preciso aplicar ningunha medida adicional a este respecto nos traballos.

Representantes da comunidade escolar

Na comisión de seguimento das obras do CIFP Manuel Antonio participan representantes de toda a comunidade educativa (alumnos, docentes, persoal non docente e equipo directivo), da empresa construtora, da Unidade Técnica da Consellería en Pontevedra, así como o arquitecto responsable do proxecto e o director Territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares. A comisión creouse a instancia da Dirección Territorial para analizar aspectos como o estado das obras, a seguridade ou o calendario e dar información precisa sobre calquera asunto ou dúbida relativa á intervención.

O director territorial reiterou que os traballos se van seguir desenvolvendo con todas as garantías para minimizar a afectación á vida diaria do centro e lembrou o beneficioso da intervención, que vai poñer solución aos problemas de filtracións existentes.

Cambio de 5.500 m² de cubertas

Cun investimento de máis de 1,5 M€, a obra de rehabilitación do CIFP Manuel Antonio inclúe a limpeza e reparación dos 5.500 m² de cubertas, ás que se aplica tamén impermeabilización e illamento,. Estes traballos están practicamente rematados, á espera de que finalice a aplicación do Polibreal, o produto impermeabilizante, nas terrazas. Con fin de solucionar todos os problemas de estanqueidade da cubrición do centro tamén se substitúen os lucernarios, traballos que están agora mesmo en execución, pero que esixen que se traballe sen choiva para evitar a entrada de auga nas instalación.

Por outra banda, mellórase a accesibilidade do edificio que alberga a área sanitaria-química mediante a instalación dun ascensor no seu vestíbulo, tamén en marcha así como coa habilitación de aseos adaptados, xa rematados. A maiores, acometeuse unha redistribución dos laboratorios, que xa están en funcionamento e poden ser empregados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2025