A Xunta reafirma no 25-N o seu compromiso “para previr, detectar e erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres”

Lugo, 25 de novembro de 2025

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe o acto de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. As directoras territoriais de Medio Rural, Olga Iglesias, e de  Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, deron lectura á Declaración institucional na que o Goberno galego reafirma o seu compromiso “firme e sostido para previr, detectar e erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres”, impulsando políticas transversais que alcancen todos os ámbitos.

A Xunta consolidou este ano a súa acción en torno a tres eixos: prevención e detección, atención integral e independencia económica das mulleres vítimas. No ámbito sanitario e asistencial ampliouse a rede de atención cos centros de crise 24 horas, xa operativos nas principais áreas sanitarias, que dan acompañamento psicolóxico, xurídico e social a vítimas de violencia sexual. 

A declaración sinala que só coa implicación total da sociedade galega “será posible que Galicia sexa un territorio que diga ‘non’ ao machismo que perpetúa a violencia de xénero”. Nese sentido, subliña a necesidade de “identificar desigualdades, desmontar estereotipos e fomentar relacións de respecto e igualdade”, para o que se traballa a concienciación nos espazos educativos, de cultura e lecer, e tamén nos espazos laborais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2025