Villaverde visita a última acción da campaña no campus de Lugo

A Xunta e Craega promocionan os produtos ecolóxicos do mar entre o alumnado das universidades galegas

A conselleira do Mar resalta o liderado galego e a boa acollida que teñen estes alimentos nos mercados pola súa aposta pola sustentabilidade e calidade

A campaña Ecolóxicos a mares, que iniciou o seu percorrido na Coruña o pasado 18 de novembro, enmárcase no convenio de colaboración co Craega ao que se destinan 65.000 euros

Lugo, 25 de novembro de 2025

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) pechou hoxe unha nova edición da campaña Ecolóxicos a mares na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, que serviu para levar a cabo, en colaboración coa Consellería do Mar, a promoción dos produtos ecolóxicos deste sector entre o alumnado das universidades galegas.

A conselleira do ramo, Marta Villaverde, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na última acción desta iniciativa desenvolvida ao abeiro do convenio de colaboración entre o seu departamento e este organismo, dotado con 65.000 euros este ano, para promover e mellorar a comercialización e o consumo dos produtos ecolóxicos procedentes do mar galego.

A responsable autonómica salientou o liderado da comunidade neste eido con alimentos certificados como o mexillón ou as algas que amosan o compromiso do sector marítimo pesqueiro pola calidade e a sustentabilidade dos recursos mariños. Galicia, con máis de 150 explotacións, é a comunidade autónoma con máis explotacións de acuicultura ecolóxica de España e produce máis de 2.700 das máis de 4.000 toneladas nacionais, cunha facturación que se multiplicou por cinco nos últimos anos ata superar os 20 millóns de euros. Nesta liña, Marta Villaverde subliñou o potencial deste tipo de certificacións no marco dun mercado cada vez máis exixente e o seu impacto directo na valorización dos produtos.

Esta nova edición, que comezou o pasado 18 de novembro na Coruña, conclúe con esta visita o seu percorrido por todos os campus universitarios da comunidade. Un labor que dá continuidade ás anteriores campañas celebradas en 2023 e 2024 e que incorpora, como novidade, un compoñente estratéxico de educación e fidelización de consumidores. Así, a conselleira do Mar puxo en valor a importancia de dirixirse á mocidade con este tipo de actuacións xa que “constitúen os consumidores do mañá” e representan o segmento de poboación cun menor consumo de produtos pesqueiros.

Difundir as calidades, versatilidade e beneficios da súa presenza, no marco dunha dieta equilibrada, son outros dos obxectivos que persegue esta campaña. Con esa finalidade, Craega instalou un posto itinerante no que o alumnado puido degustar distintas e atractivas elaboracións como a empanada de algas ou de mexillóns, tosta de mexillón con vinagreta de cítricos ou ensaladilla do mar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2025