A plataforma de contratación da Xunta publica as obras de reparación e mellora do pavillón polideportivo de Elviña II

A intervención de maior calado será a renovación completa da cuberta e a substitución da pista polideportiva, xunto coa dotación dun novo valado para a práctica das modalidades de patín

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación das obras de reparación e mellora do pavillón polideportivo de Elviña II, no concello da Coruña.

Cun orzamento base de licitación de máis dun millón de euros (1.011.220,97 euros), a intervención de maior calado será a renovación completa da cuberta e a substitución da pista polideportiva, xunto coa dotación dun novo valado para a práctica das modalidades de patín. Asemade, instalarase un ascensor para a mellora da accesibilidade e unha nova escaleira exterior. Renovaranse diversas instalacións e, no exterior, revestirase parte da fachada. Tamén se substituirán elementos en vestiarios e gradas para priorizar o confort dos deportistas e do público.

Esta actuación enmárcase no pulo que a Xunta está a realizar nos últimos anos en prol das instalacións deportivas da Coruña. Por unha banda están os tres complexos deportivos -Agra I, Elviña I e Sardiñeira I- que a Xunta xestiona de modo indirecto, e que contan cun investimento de 5,5 millóns de euros comprometidos pola concesionaria nos primeiros tres anos dende a obtención de licenza de obra, un importe que a empresa conta con aumentar. Por outra parte, no que se refire aos catro pavillóns de xestión directa, desde a Xunta xa se remataron as reformas en Monte Alto, Agra II e Monte das Moas, por case 2 millóns de euros, e agora é a quenda de Elviña II.

Data de actualización: 26/11/2025