A Xunta apoia o asociacionismo local de Oroso con achegas que suman case 40.000 € a través do Plan específico de acción comunitaria
A directora xeral de Administración Local comprobou as melloras realizadas nos locais sociais das asociacións veciñais Santa María de Deixebre e Sanamede, así como da asociación Mulleres rurais loitadoras de Oroso
O Goberno galego incrementou este ano a dotación a 4M€, un máis que en 2024, e medrou tamén o número de proxectos impulsados, con 454 actuacións en toda Galicia
Oroso (A Coruña), 26 de novembro de 2025
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as melloras realizadas nos locais sociais dos colectivos de Oroso beneficiarios do Plan específico de acción comunitaria, con achegas que suman case 40.000 euros. A Xunta incrementou este ano a dotación desta liña de apoio ao asociacionismo local ata os 4 millóns de euros. Dirixida a entidades veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, en Oroso resultaron beneficiarios os colectivos veciñais Santa María de Deixebre e Sanamede, así como Mulleres rurais loitadoras de Oroso.
A asociación veciñal Santa María de Deixebre recibiu preto de 15.000 euros, dos que 12.000 se destinaron a obras nas instalacións e preto de 2.900 á adquisición de equipamento. As actuacións consistiron na limpeza e pintado das paredes exteriores, ademais de instalar un canlón coas correspondentes baixantes para evitar a humidade na infraestrutura. Tamén se reparou a rampla de acceso e se fixeron obras no baño a prol da accesibilidade. A maiores, mellorouse a iluminación tanto exterior como interior, e instalouse unha cociña para o seu uso nos eventos de dinamización social e cultural da veciñanza.
Por outra banda, coa axuda para equipamento adquiríronse electrodomésticos para o mantemento do local e equipos informáticos e audiovisuais como material de apoio nas actividades desenvolvidas.
No caso da asociación Sanamede, a achega de 12.000 euros destinouse a resolver deficiencias como a falta de auga quente, dificultade na accesibilidade, humidades e falta de iluminación. Así, instalouse un termo, construíse unha rampla de acceso, limpáronse e pintáronse as paredes exteriores, reparouse o tellado e mellorouse a instalación eléctrica.
A asociación Mulleres rurais loitadoras de Oroso recibiu tamén 12.000 euros para obras no local social que permitiron evitar humidades, coa mellora do illamento dunha das paredes; facilitar a accesibilidade coa construción dunha rampla; e garantir a eficiencia enerxética con cambios de luminarias e da carpintería exterior.
Segundo sinalou a directora xeral, a orde de subvencións do Plan específico de acción comunitaria incrementou este ano o orzamento a catro millóns de euros -un millón máis que en 2024- para dar resposta ao volume de solicitudes en convocatorias previas. De feito, resultaron beneficiarias 454 actuacións, fronte ás 341 do ano pasado. No caso da provincia da Coruña houbo 60 entidades beneficiarias que recibiron unha achega global de 549.500 euros para impulsar 72 proxectos.
Natalia Prieto apuntou que estas achegas se enmarcan no compromiso do Goberno galego co asociacionismo local, polo importante traballo que desempeñan na dinamización social e cultural da contorna e na mellora da calidade de vida da veciñanza. Por iso, apuntou que nos orzamentos da Xunta para 2026 se consolida o apoio de catro millóns de euros desta convocatoria, co obxectivo de seguir dando resposta ás demandas destes colectivos.
A través destas subvencións, a Xunta colabora nos gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en obras en inmobles da titularidade das entidades solicitantes ou sobre os que teña dereito de uso, no caso das asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario. Apóianse tamén as obras nas traídas de auga comunitarias.