A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e a Fundación Racing Club Ferrol convidan aos cidadáns a participar nas campañas de doazón de sangue

A entidade deportiva e a ADOS desenvolverán esta semana unha campaña especial de doazón destinada a fomentar este xesto solidario entre todos os veciños e veciñas de Ferrol

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a Fundación Racing Club Ferrol desenvolven esta semana unha iniciativa conxunta destinada a promover o solidario xesto da doazón de sangue entre os veciños e veciñas de Ferrol. 

A ADOS salienta a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para acadar unha conciencia social favorable á doazón como, nesta nova oportunidade, está a impulsar a Fundación Racing Club Ferrol, xa que xunta os positivos valores do deporte á mensaxe de solidariedade que transmite a Axencia.

Agasallando a solidariedade

Entre as iniciativas que está a promover a Fundación Racing Club Ferrol con ADOS, salientar que ambas institucións están a distribuír información relacionada con esta campaña e dando conta da importancia social do altruísta xesto da doazón de sangue, así como anunciando a presenza dunha unidade móbil da Axencia na Praza de Armas o venres 28 e o sábado  29 de novembro. Deste xeito, as persoas que acudan a doar nestas dúas xornadas ata a Praza de Armas (o venres 28 en horario das 15:30 ás 21:00 horas e o sábado 29 das 10:00 ás 15:00 horas), recibirán como agasallo pola súa colaboración, unha entrada (ata esgotar existencias) cedidas pola Fundación Racing Club Ferrol para o encontro que o equipo ferrolán disputará este sábado 29 fronte á AD Mérida no Estadio Municipal da Malata.

Durante as xornadas previas a esta campaña especial de doazón, tanto a ADOS como o equipo ferrolán están a informar nas súas redes sociais da importancia de participar activamente nas campañas de doazón de sangue e, concretamente, convidando a doar sangue os días 28 e 29 de de novembro.

Índice de doazón

A directora da Axencia lembrou o carácter solidario dos veciños e veciñas de Ferrol que, no pasado ano 2024, situaron a este municipio como a terceira das sete grandes cidades galegas en taxa de doazón, cun índice de 47 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano,  grazas ás 2.999 doazóns rexistradas no transcurso do pasado exercicio.

ADOS quere agradecer á Fundación Racing Club de Ferrol (directiva, corpo técnico, xogadores, seareiros e seareiras...) a súa especial sensibilidade en torno á doazón de sangue, así como o seu decidido compromiso para impulsar este xesto solidario en Ferrol, agardando que, coa súa contribución, a cidade continúe sendo un dos concellos galegos con maior taxa de doazón.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2025