O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remitiu esta mañá unha carta á ministra trasladándolle esta demanda

A Xunta pídelle ao Ministerio de Sanidade un esforzo de negociación para evitar 4 días de folga médica contra o estatuto marco, que pode paralizar case 340 cirurxías e máis de 10.000 consultas por xornada

O conselleiro amosa a súa preocupación polo potencial impacto na sanidade pública das folgas convocadas para vindeiras datas, tanto de médicos como de técnicos, en contra da reforma do Estatuto Marco que promove o Ministerio

Sinala que o esforzo de negociación e de diálogo da Xunta permitiu chegar a un acordo con catro forzas sindicais que levou á súa desconvocatoria do paro en atención primaria

Remarca  que as medidas acordadas pola Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais pasan por incentivar a voluntariedade para a realización das gardas e para a cobertura dos sábados, ademais de fortalecer a figura do médico de familia

O conselleiro insistirá na súa petición no Consello Interterritorial de mañá, instando ao Ministerio a iniciar unha negociación urxente que leve á desconvocatoria dos paros contra o Estatuto Marco 

Tamén exporá as medidas postas en marcha desde hai días en Galicia para anticiparse á onda de gripe e planificar os recursos destinados a responder aos picos asistenciais derivados das enfermidades respiratorias

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, pediulle hoxe por carta ao Ministerio de Sanidade un esforzo de diálogo e negociación para evitar a folga médica de catro días prevista en decembro en protesta contra a reforma do Estatuto Marco. O Servizo Galego de Saúde estima que cada día dese paro pode supoñer a paralización de preto de 340 cirurxías, de máis de 10.000 consultas e de 600 probas diagnósticas na sanidade pública galega.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, xunto coa secretaria xeral técnica do seu departamento, Natalia Lobato, e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, realizou declaracións aos medios en relación ás convocatorias de folga na sanidade pública.

O conselleiro manifestou a súa preocupación polo impacto que poden ter na sanidade pública e nas listas de espera as folgas que hai convocadas para vindeiras datas, tanto de médicos como de técnicos, en contra da reforma do Estatuto Marco que promove o Ministerio de Sanidade.

En concreto, para mañá mesmo está convocada unha folga de técnicos en coidados auxiliares de enfermería, e para os días 9, 10,1 1 e 12 de decembro está convocada unha folga de médicos.

Gómez Caamaño subliñou que esta nova convocatoria de catro días, sumada aos paros xa realizados polo mesmo motivo en xuño, outubro e novembro, ameaza con paralizar ou afectar gravemente á asistencia durante unha semana enteira de decembro, xa condicionada polas festas do Nadal e, ademais, cando a curva da gripe se prevé que comece a medrar.

O conselleiro considera que é preciso tratar de mudar ese escenario e, a tal efecto, envioulle un escrito á ministra de Sanidade pedíndolle que poña en marcha un proceso de negociación urxente encamiñado a acadar a desconvocatoria do paro de catro días previsto para decembro.

Folga de primaria

Na rolda de prensa de hoxe, o conselleiro referiuse tamén ao paro convocado estes días nos servizos de atención primaria, que só está secundado por unha organización sindical e por unha organización médica, posto que cos demais sindicatos da Mesa Sectorial de Sanidade (CSIF, CCOO, UXT), que suman a maioría, ademais de con SIMEGA, as negociacións que levou a cabo a Consellería de Sanidade deron os seus froitos e conseguiuse chegar a un acordo. 

Deste xeito, na xornada de onte, o seguimento do paro secundado polas dúas organizacións sindicais foi baixo (6,89 % na quenda da mañá e máis baixo aínda na da tarde 4,26 %). Este xoves, o seguimento tamén está a ser baixo, do 4,94 % na quenda de mañá.

O conselleiro agradeceu a implicación e a responsabilidade de todos os profesionais de atención primaria de Galicia, que están a permitir que estas xornadas transcorran sen incidencias destacables e co menor impacto asistencial posible para non prexudicar aos pacientes.

Gómez Caamaño incidiu no esforzo e na vontade de negociación e acordo entre a Consellería e as catro forzas sindicais, co obxecto de cubrir a asistencia sanitaria e para a mellora das condicións laborais dos profesionais, nun contexto marcado pola falta de médicos de determinadas especialidades, que lle corresponde ao Ministerio de Sanidade solucionar con medidas efectivas, por ser do ámbito das súas competencias.

O máximo responsable do Sergas sinalou que as medidas acordadas por Sanidade e as catro organizacións sindicais pasan por incentivar a voluntariedade para a realización das gardas de atención primaria e para a cobertura dos sábados, e por fortalecer a figura do médico de familia, entre outras cuestións.

Estas medidas serán abordadas na Mesa Sectorial do venres 5 de decembro, para seguir a avanzar na súa implantación.

Consello Interterritorial 

Con motivo da celebración mañá do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, Gómez Caamaño dixo que nesa reunión aproveitará para manifestarlle á ministra o mesmo que hoxe lle trasladou por carta. 

Tamén aproveitará esa xuntanza para explicar as medidas postas en marcha desde Galicia recollidas no Plan de inverno para anticiparse, previr, planificar e xestionar os recursos precisos para responder aos picos de demanda derivados da gripe e das infeccións respiratorias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2025