A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade inaugurou esta mañá a reunión
A Xunta e o tecido empresarial galego reúnense nunha mesa de expertos que identifica as prioridades para avanzar na economía circular no eido industrial
María José Echevarría destaca que desde o mes de marzo as empresas galegas teñen á súa disposición as Oficinas de Economía Circular Industrial, onde poden atopar asesoramento técnico e gratuíto sobre xestión e clasificación de residuos
O sector incide na importancia de primar o ecodeseño nos procesos produtivos e de facilitar os trámites administrativos mentres que o Goberno galego avanza que identificará novos proxectos tractores para situar Galicia no nodo da circularidade
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia e o tecido empresarial da Comunidade participaron hoxe nunha mesa de expertos en materia de economía circular industrial co obxectivo de escoitar e recompilar de primeira man os principais problemas das empresas neste eido e identificar, a través dunha metodoloxía participativa, as solucións prácticas máis eficaces para mellorar a competitividade e a sostibilidade da industria galega.
Durante a inuaguración do encontro, a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, lembrou que as Oficinas de Economía Circular Industrial, de funcionamento electrónico e postas en marcha o pasado mes de marzo, son un piar fundamental para avanzar neste eido, xa que ofrecen asesoramento experto en liña en materias complexas como a clasificación de residuos ou a codificación LER, facilitando así o cumprimento normativo.
A xornada contou con relatorios de expertos como Gumersindo Feijóo (en representación da Universidade de Santiago de Compostela), Antonio Lorena (3Drivers), Cristina Martínez (CETIM) e Cristóbal Piñón (Intacta) e estruturouse arredor de tres mesas de traballo centradas nas seguintes temáticas: recuperación e rexeneración de recursos, a circularidade como rede e a cultura empresarial circular.
Tras a posta en común das ideas dos participantes, a sesión pechouse cunha votación interactiva a través da cal os asistentes puideron manifestar en tempo real as conclusións extraídas de cada unha das mesas e xerarquizar aquelas que consideraban prioritarias para incluír na folla de ruta a seguir neste eido.
O resultado desta posta en común reflicte que a prioridade principal para o sector empresarial galego é a facilitación administrativa, seguida pola demanda dunha maior flexibilidade da normativa aplicable.
Así mesmo, os representantes do tecido industrial consideraron necesario financiar o ecodeseño nos procesos produtivos, poñendo en valor a transferencia de coñecemento como outra das súas prioridades. Ademais, tamén avogaron por mellorar a comunicación entre produtores, xestores e administración e buscar o apoio a proxectos inspiradores nas pequenas e medianas empresas (pemes).
Pola súa parte, os representantes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático asistentes ao encontro coincidiron en que a industria galega quere avanzar na circularidade e reafirmaron o compromiso da Xunta de manter un espazo de diálogo aberto entre Administración, empresa e axentes de coñecemento para axudalas na consecución dese obxectivo.
Nesta liña, o Goberno galego traballa xa na identificación de proxectos tractores para activalos coa finalidade específica de avanzar nos expedientes de fin de condición de residuo e impulsará tamén o ecodeseño para situar Galicia no nodo da circularidade, para o que garantiu que o acompañamento a través das Oficinas de Economía Circular Industrial que ofrece a Administración ás empresas para facilitar a súa transición cara a este novo modelo económico será unha prioridade absoluta.
Cómpre lembrar que este proxecto está cofinanciado nun 60% pola UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.