A Xunta enxalza as posibilidades que ofrece a medida Leader para dinamizar dun xeito transversal o rural
A conselleira do Medio Rural participou hoxe na inauguración do complexo turístico Cabanas do Chao, no concello de Navia de Suarna, impulsado polo GDR Montes e Vales Orientais a través destas achegas da Xunta, con 200.000 euros de apoio
María José Gómez recoñeceu as repercusións positivas que teñen estes fondos e incidiu en que a Xunta seguirá a reclamar a defensa da medida Leader, que se atopa en perigo coa configuración da nova proposta da PAC da Unión Europea
A convocatoria deste ano conta cun orzamento de 12,6 millóns de euros e prevese que a súa resolución se publique en breve no Diario Oficial de Galicia
Navia de Suarna (Lugo), 27 de novembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na inauguración do complexo turístico Cabanas do Chao, no concello lucense de Navia de Suarna, onde salientou o amplo abano de posibilidades que ofrece a medida Leader para dinamizar de xeito transversal, tendo en conta o punto de vista social e económico estas contornas.
A conselleira recoñeceu as repercusións positivas que teñen estes fondos, xa que permitiron que a promotora destas cabanas tivera a opción de emprender un negocio rendible no rural, creando emprego e fixando poboación. Por iso, insistiu en que por parte do Goberno autonómico seguirá a reclamarse a defensa destes fondos, que están “en perigo” coa configuración da nova proposta da PAC da Unión Europea.
Gómez realizou un percorrido polas instalacións deste complexo turístico, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. O espazo está conformado por seis cabanas de madeira e vidro. Este proxecto foi impulsado polo Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, e contou cunha achega de preto de 200.000 euros procedentes da intervención Leader e convocada pola Consellería. A construción conta cunha pequena horta para que os hóspedes poidan desfrutar de produtos locais que acaban de colleitarse.
Así, destacou que coas achegas Leader se contribúe a mellorar as condicións para crear e manter emprego no rural. Só no período anterior do Programa de Desenvolvemento Rural, a través desta medida a Consellería do Medio Rural apoiou a creación de 1.100 novos empregos e favoreceu a consolidación de máis de 4.000.
María José Gómez asegurou que dende a Xunta se seguirá a traballar da man con proxectos coma estes para garantir un rural vivo, dinámico e con futuro. Sinalou que a convocatoria deste ano conta cun orzamento de 12,6 millóns de euros, que permitirán afondar neste camiño. A conselleira avanzou tamén que a resolución desta convocatoria se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG).