A Xunta adxudica por 1,8 M€ a redacción do Proxecto de Interese Autonómico para mellorar o aparcamento e os accesos do Hospital Clínico de Santiago
Unha vez formalizado o contrato, o documento definitivo do PIA deberá entregarse no prazo de 12 meses
O PIA é unha ferramenta clave para acadar a urbanización da contorna hospitalaria, a reordenación dos viarios e accesos e a habilitación de áreas de aparcamento
As intervencións a acometer enmárcanse no convenio de colaboración entre as Consellerías de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Sanidade, Medio Ambiente, e o Concello de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025
A Xunta adxudica por 1,8M€ a redacción do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para mellorar o aparcamento e os accesos do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.
Unha vez formalizado o contrato, que foi adxudicado á empresa PROYFE, S.L, o documento definitivo do PIA deberá entregarse no prazo de 12 meses. De xeito paralelo, tamén se avanzará nos proxectos de execución de aparcamento, no de urbanización da mellora da conexión do hospital na Choupana, no relativo ao viario e nos dos aparcamentos previstos.
A redacción do PIA realizarase en base a unha serie de documentos técnicos, como o Estudo de mobilidade e aparcamento, elaborado pola Xunta, cun diagnóstico dos problemas de mobilidade na zona do hospital; o Estudo Previo de mellora de Accesos ao CHUS, cunha proposta de ordenación viaria; ou as actuacións propostas polo Concello.
As intervencións a acometer enmárcanse no convenio de colaboración asinado en agosto de 2024 entre as Consellerías de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Sanidade, Medio Ambiente, e o Concello de Santiago de Compostela.
A Xunta asumirá o 90% dos custes de ordenación do ámbito hospitalario e dos accesos, anticipando a contratación dun aparcadoiro accesible ao carón do complexo e a mellora do acceso dende a rúa Volta do Castro. O Goberno galego financiará o 80% das obras e achegará 3,5M€ a obras municipais de saneamento e abastecemento.
Pola súa banda, o Concello financiará nun 20% as obras necesarias e aplicará a bonificación do 95% na liquidación do imposto sobre construcións, obras e instalacións derivadas das actuacións promovidas polo Sergas ao abeiro deste convenio.
Urbanización, accesos e aparcamento
O Proxecto de Interese Autonómico funcionará como ferramenta clave para acadar tres obxectivos estratéxicos: a urbanización da contorna hospitalaria, a reordenación dos viarios e accesos e a habilitación de áreas de aparcamento.
En relación á urbanización, reformularanse os percorridos para acadar espazos fluídos e libres do tránsito e estacionamento. Prevese eliminar o peche perimetral do CHUS e introducir zonas verdes para reforzar a humanización da zona. Ademais reordenarase o espazo libre conformado polo CHUS, o Hospital Gil Casares e o Centro de Protonterapia, como praza pública e acceso peonil, cun tránsito preferente dos vehículos sanitarios, do transporte público, e con puntos para parada e descenso de doentes acompañados.
En canto aos accesos, establecerase unha circulación perimetral á parcela hospitalaria. Así, separaríanse aos usuarios con estancias medias ou prolongadas, que requiren aparcar e desprazarse a pé, dos que precisan realizar unha parada rápida, como os casos de emerxencias ou mobilidade reducida. Proponse crear un novo vial de acceso ao noroeste do complexo que une o Periférico e a avenida Mestre Mateo. Tamén se mellorarán os accesos rodados ao sur e sueste desde a rúa da Choupana, onde existe unha media rotonda que deberá rematarse para distribuír circulacións. As intervencións anteriores deberían minorar o tráfico rodado dende a avenida de Barcelona, podendo ademais canalizar os percorridos vehiculares a ambos lados.
Finalmente, proxéctanse áreas de aparcamento perimetrais con suficiente capacidade. Estúdanse distintas opcións de aparcadoiro, un no noroeste do complexo, pois ao haber desnivel, permitiría a integración de varias plantas, maiormente soterradas. Tamén se prevé a posibilidade de aparcamento na zona suroeste do edificio principal, onde agora se sitúa o heliporto e un aparcamento en superficie e xunto ao edificio A da ampliación.
Tamén se avalía un aparcadoiro na avenida do Mestre Mateo, próxima ao CHUS, unha opción proposta polo Concello. Podería construírse un aparcamento integrado no desnivel do terreo, que compartiría destino cos usos universitarios próximos.