O presidente galego participa na inauguración deste programa na Cidade da Cultura

Rueda destaca a aposta da Xunta por potenciar o talento da mocidade e apoiar a súa inserción laboral a través de iniciativas como ‘Xuventude na onda’

Pon en valor o evento posto en marcha polo Goberno autonómico e que contará entre hoxe e mañá cunha vintena de actividades para, en colaboración coas universidades galegas, conectar o talento mozo e os sectores de innovación, ciencia e empresa

Salienta outras iniciativas como o Xuventude Mentoring, que xa vai pola súa oitava edición, e conta cunha media dun 50,3% de inserción laboral da mocidade participante

A Xunta ten en marcha varias medidas para facilitar o acceso á vivenda dos máis novos con medidas como a reserva do 40% do novo parque de vivenda pública ao alugueiro para menores de 36 anos; con edificios de aloxamentos compartidos e temporais; ou a través do Bono Emancípate

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego para “axudar a todo ese talento que hai en Galicia da xente nova” e co apoio á inserción laboral da mocidade, demostrando que Galicia é unha terra de oportunidades.

Así se referiu durante a inauguración das xornadas de Xuventude na onda, un encontro posto en marcha polo Executivo autonómico que se celebrará hoxe e mañá na Cidade da Cultura e que contará cunha vintena de actividades para, en colaboración coas universidades galegas, conectar o talento mozo e os sectores de innovación, ciencia e empresa, favorecendo a creación de sinerxías e novas oportunidades de colaboración. Neste sentido, agradeceu a todas esas empresas galegas que se teñan sumado, “porque aínda que haxa moito talento, moitas ganas de facer cousas, moitísimo potencial, formación e esforzo, fai falta unha oportunidade”.

Tal e como explicou Rueda, o evento servirá para abrir portas, activar ideas e poñer en valor o papel da xuventude no presente e no futuro de Galicia. Algo que, como apuntou, xa perseguen outras iniciativas da Xunta como o Xuventude Mentoring, que xa vai pola súa oitava edición, e busca mellorar as habilidades e competencias da mocidade galega para a busca de emprego a través de asesoramento personalizado. Nas sete edicións anteriores, unha media dun 50,3% da mocidade participante acadou a inserción laboral grazas a este programa.

Ademais, destacou outras medidas como o Fórmate na Empresa –que permite prácticas formativas remuneradas en sectores estratéxicos– e o Xuventude Crea –que serve como porta de entrada no sector cultural galego e polo que xa pasaron case 6.000 participantes– como outros exemplos do compromiso da Xuta cos máis novos. “Esa Galicia Calidade da que falamos é moito máis que paisaxes, gastronomía, que tamén; é unha forma de facer as cousas”, apuntou.

Poñer as cousas máis sinxelas

Durante o acto, Alfonso Rueda tamén fixo referencia a un dos problemas que máis preocupan á xuventude como é o acceso á vivenda. Así, apuntou que a Xunta ten en marcha varias medidas para facilitar este aspecto con medidas como a reserva do 40% do novo parque de vivenda pública que está a construír ao alugueiro para menores de 36 anos, e un 25% no caso de compra; con edificios de aloxamentos compartidos e temporais, o primeiro deles xa en marcha en Santiago; ou a través do Bono Emancípate, con axudas para sufragar a adquisición de mobiliario e outros gastos.

“A Xunta ten claro que todo o que sexa traballar para poñervos as cousas un pouco máis fáciles é traballar non só polo voso futuro, senón polo da nosa terra”, asegurou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2025