A Xunta destina 15.000 € ao acondicionamento da sala amable do edificio xudicial de Pontevedra
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou que as melloras realizadas contribúen a garantir a protección e privacidade das vítimas durante as súas dilixencias xudiciais
Tamén visitou a sala de espera para persoas menores, na que colaborou a Fundación Andrea para a súa humanización
Ambas as iniciativas enmárcanse na a aposta do Goberno galego por unha xustiza empática e próxima á cidadanía
Pontevedra, 28 de novembro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe no edificio xudicial de Pontevedra a sala amable acondicionada co obxectivo de garantir a protección e privacidade das vítimas -sobre todo nos casos de testemuñas menores de idade ou doutras persoas especialmente vulnerables- durante a práctica de probas ou a toma de declaracións. Tamén coñeceu o traballo de humanización levado a cabo pola Fundación Andrea na sala de espera para persoas menores no edificio xudicial. Na visita tamén participaron o director xeral de Xustiza, José Tronchoni; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Noemí Morte, xunto coa presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca, e representantes da entidade.
Por unha parte, coa finalidade de evitar a revitimización das vítimas máis vulnerables, a Xunta destinou 15.000 euros en melloras na sala amable, para ofrecer un espazo confortable e acondicionado para practicar as dilixencias xudiciais. Os traballos levados a cabo inclúen o acondicionamento acústico e a dotación de medios tecnolóxicos. Deste xeito, preténdese mellorar a dinámica da proba con conexión remota dos operadores xurídicos e avanzar na dixitalización do proceso, coa textualización e conservación das gravacións en condicións de ciberseguridade.
Ademais, actuouse na iluminación da sala e na colocación dun mobiliario, rotulación e circuítos que convertan estas instalacións nunhas dependencias máis amigables. Deste xeito, e tamén en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, puxéronse contos especialmente deseñados para achegar os nenos e nenas ao ámbito da Xustiza, e para unha mellor comprensión da súa situación.
Neste caso, cómpre destacar que o circuíto é exclusivo para as vítimas e con pouco tránsito, o que axuda a evitar o contacto entre as vítimas e agresores en calquera fase do procedemento.
O Goberno galego xa implantou estas salas amables en case a totalidade das cidades galegas e nalgunhas subdireccións do Imelga. Ademais desta de Pontevedra, xa están instaladas e funcionando as de Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña.
Cómpre engadir que existen outras salas diferentes, pero con características semellantes e para a atención ás vítimas nunha vintena de xulgados, ás que se suman salas de agarda para manter separadas as vítimas dos presuntos agresores noutra ducia de edificios xudiciais.
Por outra parte, no que se refire á sala de espera no edificio xudicial que levou a cabo a Fundación Andrea, tamén se trata dun espazo seguro e amable, con rotulación e circuítos personalizados e información e recursos específicos adaptados á idade e ás características das vítimas.
Cómpre lembrar que o proxecto de rehabilitación de espazos destinados ás zonas de agarda de persoas menores, coa colaboración da Fundación Andrea, comezou nos xulgados de Santiago de Compostela, que tamén visitou xa o conselleiro, e continúa xa en Pontevedra coa finalidade de estenderse ao resto dos edificios xudiciais.
As dúas dependencias visitadas hoxe nos xulgados de Pontevedra enmárcanse na aposta da Xunta pola humanización e o impulso dunha xustiza empática e próxima á cidadanía. De feito, forman parte do proxecto Xustiza Amable, co obxectivo de mellorar a atención ás vítimas e humanizar os espazos xudiciais en Galicia.
Estas medidas representan un paso máis no compromiso da Xunta por unha xustiza máis accesible, áxil, eficiente e dixitalizada. Neste marco de acción, o Goberno galego está a impulsar tamén infraestruturas modernas e sostibles, así como unha maior proxección social do ámbito xudicial.