Villaverde destaca o impacto positivo do Bono Peixe no consumo e na economía galega

A Coruña, 28 de novembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou este venres o supermercado Carrefour de Alfonso Molina, que vén de cumprir o seu corenta aniversario e foi un dos dezaoito establecementos desta cadea de distribución adheridos ao Bono Peixe, unha iniciativa que puxo en marcha a Xunta para fomentar o consumo dos produtos do mar e que tivo un impacto positivo na economía galega.

No transcurso da visita, a conselleira coñeceu a oferta de alimentos frescos que este operador pon diariamente a disposición do consumidor, entre os que destaca unha ampla variedade de peixes e mariscos de provedores locais.

O Bono Peixe financiou máis de 500.000 compras de produtos pesqueiros en toda Galicia por valor de case 11 millóns de euros, incrementando as vendas ata o 13 %. Na primeira edición deste programa participaron 751 establecementos, localizados en 139 municipios, e máis de 146.000 consumidores, que representan o 6 % da poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2025