O conselleiro de Sanidade, acompañado polo xerente da área sanitaria, interveu no acto de inauguración das XI Xornadas da Sociedade Galega de Nefroloxía, organizadas polo Servizo de Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

Gómez Caamaño subliña a colaboración entre NefroCHUS e a Sociedade Galega de Nefroloxía na elaboración do mapa das enfermidades renais hereditarias en Galicia

NefroCHUS consolidouse, ao longo de máis de dúas décadas, como unha referencia na xenética renal na comunidade

Presta diagnóstico xenético aos hospitais públicos de Galicia, mellorando o diagnóstico precoz das enfermidades renais hereditarias

Desde que naceu o programa de transplantes en 1987, realizáronse máis de 5.100 intervencións de ril

En Santiago realizouse, recentemente, o primeiro transplante renal ABO incompatible desta área sanitaria, é dicir, entre dúas persoas que non tiñan o mesmo grupo sanguíneo

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe a colaboración entre NefroCHUS, o laboratorio de xenética das enfermidades renais hereditarias situado no IDIS, e a Sociedade Galega de Nefroloxía, na elaboración do mapa das enfermidades renais.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, interveu na inauguración das XI Xornadas da Sociedade Galega de Nefroloxía, organizadas polo Servizo de Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Neste foro, o conselleiro remarcou que NefroCHUS consolidouse, ao longo de máis de dúas décadas, como unha referencia na xenética renal na comunidade.

En concreto, o grupo encabezado por Miguel Ángel García foi pioneiro en Galicia ao converterse, xunto coa Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, no primeiro laboratorio acreditado para o diagnóstico asistencial e o único especializado en nefroloxía.

Presta diagnóstico xenético aos hospitais públicos de Galicia, mellorando o diagnóstico precoz das enfermidades renais hereditarias e xerando unha liña estable de recursos económicos que se invisten en investigación.

Todo o seu traballo -proseguiu o conselleiro- responde a unha visión estratéxica centrada na elaboración dun mapa das enfermidades renais hereditarias.

Gómez Caamaño puxo en valor que todos estes avances son o resultado dun traballo conxunto de profesionais, institucións e pacientes.

Resultados en transplantes

O máximo responsable do Sergas incidiu en que, no pasado ano, Galicia presentou os mellores resultados en transplantes dende 1981. En total, foron 424 transplantes de órganos procedentes de 137 doadores. Deles, 208 foron de ril, o que supón que, desde que naceu o programa de transplantes en 1987, se realizaron máis de 5.100 intervencións de ril.

Tamén remarcou o conselleiro o feito de que en Santiago de Compostela se realizou, recentemente, o primeiro transplante renal ABO incompatible desta área sanitaria, é dicir, entre dúas persoas que non tiñan o mesmo grupo sanguíneo.

Na súa intervención, Gómez Caamaño puxo en valor o traballo do servizo de Nefroloxía do hospital santiagués, encabezado polo doutor Cándido Díaz, con numerosos proxectos en marcha orientados á prevención, detección precoz e mellora asistencial da enfermidade renal crónica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2025