Lete Lasa destaca o liderado de Recalvi “non só no patrocinio deportivo senón tamén enriba do asfalto”

Destaca o Campionato de España de Rallys de Asfalto de Jorge Cagiao e Javier Martínez; así como o histórico dobrete do Supercampionato, con Cohete Suárez como campión e Javier Pardo como subcampión

Vigo, 28 de novembro de 2025

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe da Gala de Campións 2025 do Recalvi Team. Alí, o mandatario galego destacou a gran traxectoria da empresa, fundada en Vigo no ano 1984 por Chema Rodríguez e que foi medrando pouco a pouco ata converterse “nun referente autonómico, nacional e internacional no mundo do automóbil”. Do mesmo xeito, remarcou a gran relevancia do seu traballo como “un dos máis importantes patrocinadores deportivos, destacando a súa presenza no panorama continental a través de disciplinas como o fútbol, o baloncesto ou, sobre todo, o motor”. Así, lembrou como a Xunta de Galicia lle concedeu o premio Deporte Galego ao mellor patrocinio deportivo entre os anos 2019 e 2022.

No que atinxe á competición deportiva, Lete Lasa enxalzou a de 2025 como unha tempada histórica na que os pilotos de Recalvi amosaron un estado de forma inmellorable. Por unha banda destacou o Campionato de España de Rallys de Asfalto conquistado polos galegos Jorge Cagiao e o seu copiloto, Javier Martínez. Pola outra, subliñou o histórico dobrete do Supercampionato de España de Rallys, co asturiano Cohete Suárez como campión e o galego Javier Pardo como subcampión.

O secretario xeral para o Deporte aplaudiu estes resultados e destacou o seu valor para que o automobilismo galego siga a medrar para manter o liderado nacional, como demostran os 77 clubs en Galicia ou as 1.700 licenzas deportivas. 

Data de actualización: 28/11/2025