María José Gómez enxalza o Belén promovido por Clun e Ecoener pola súa posta en valor do sector primario

A conselleira do Medio Rural participou hoxe na inauguración desta mostra, que poderá visitarse no Salón Nobre do Pazo de Raxoi todos os días cun horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 h. ata o 7 de xaneiro de 2026

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta tarde na inauguración do Belén máis rural, promovido por Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) e Ecoener, onde destacou a súa posta en valor do sector primario grazas á representación do que é a vida no campo e o traballo tanto de agricultores como gandeiros.

Este é o segundo ano que Clun e Ecoener apostan pola instalación dun belén artesanal no Pazo de Raxoi, concretamente no Salón Nobre, e o cal se poderá visitar todos os días cun horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas ata o 7 de xaneiro de 2026. A conselleira salientou que estas dúas empresas “honran” o medio rural desde os seus ámbitos: a primeira, acompañando aos gandeiros e garantindo calidade e futuro; e a segunda, impulsando unha transición enerxética sostible.

A escena, composta por preto dun cento de figuras elaboradas de xeito artesá, recrea o nacemento grazas á ambientación desenvolta por expertos belenistas. A maiores, tamén se inclúen aspectos tradicionais da cultura galega como un hórreo ou unha representación da matanza, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2025