A Xunta adxudica por máis de 1,1 M€ o contrato de solucións de seguridade e control para os dispositivos de atención primaria do Servizo Galego de Saúde
O obxectivo é garantir a protección ante o incremento dos ciberataques rexistrado nos últimos anos e o aumento de dispositivos médicos conectados
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025
O Servizo Galego de Saúde adxudicou, por importe de 1.116.062,09 euros, o contrato para o desenvolvemento dunha solución integral de seguridade e control para dispositivos de tecnoloxía operativa, internet das cousas e internet das cousas médicas que son empregados nos centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde.
A empresa adxudicataria resultou Telefónica Soluciones de Información y Comunicación de España, S. A. U.
Este contrato consiste na adquisición dunha solución de seguridade e control de todos estes dispositivos, así como a súa instalación, posta en marcha e mantemento, por un período de 48 meses.
Nos últimos anos produciuse un importante aumento dos ciberataques dirixidos contra o sector sanitario español e as áreas susceptibles de ataques dos centros sanitarios amplíanse constantemente polo incremento do número de dispositivos médicos conectados que se utilizan cada vez con maior presenza nos centros de saúde.
Este contrato está financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e ten como finalidade reforzar os dispositivos tecnolóxicos conectados na rede sanitaria.
Este contrato forma parte do proxecto CiberAP, unha iniciativa colaborativa entre diversas comunidades autónomas.
Así mesmo, este plan, denominado IOTA, alíñase co Plan de Acción de Dixitalización da Atención Primaria e Comunitaria 2022-2023, aprobado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, que busca impulsar os sistemas de información e dixitalización.