O conselleiro de Sanidade, acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria e do xerente da área sanitaria, realizou unha visita á Unidade Móbil de Radioloxía

Gómez Caamaño destaca o proxecto pioneiro da Unidade móbil de Radioloxía de Santiago e Barbanza, que realizou case 6.200 probas a preto de 5.700 pacientes desde a súa posta en marcha hai un ano

O conselleiro remarca que a posta en marcha desta unidade contou cun investimento de preto de 370.000 euros e naceu co obxectivo de reforzar a atención primaria

A unidade dá cobertura aos concellos de Ordes, Trazo, Frades, Tordoia, Mesía e Santa Comba, aos que se vai desprazando nos distintos días da semana co obxectivo de dar cobertura a preto de 32.000 persoas

A unidade evita unha media de 100 desprazamentos á semana para acceder a servizos de atención especializada desde o rural, en liña co forte compromiso da sanidade pública galega coa sostibilidade

Gómez Caamaño incide na alta calidade do equipamento da unidade, que incorpora a radioloxía dixital e a intelixencia artificial para apoiar a precisión diagnóstica

Ordes (A Coruña), 2 de decembro de 2025

 O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o proxecto pioneiro da Xunta coa posta en marcha, en novembro do pasado ano, dunha unidade móbil de radioloxía na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, que xa realizou preto de 6.200 probas a preto de 5.700 pacientes.

O  titular da carteira sanitaria, acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, e do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, realizou unha visita á Unidade Móbil de Radioloxía, emprazada diante do centro de saúde de Ordes.

A posta en marcha desta unidade contou cun investimento de preto de 370.000 euros e naceu co obxectivo de reforzar a atención primaria, que é o corazón do sistema sanitario.

A unidade dá cobertura aos concellos de Ordes, Trazo, Frades, Tordoia, Mesía e Santa Comba, aos que se vai desprazando nos distintos días da semana co obxectivo de dar cobertura a preto de 32.000 persoas.

Segundo remarcou o conselleiro, esta unidade é un exemplo claro da aposta da Xunta pola descentralización dos servizos sanitarios e por achegar e reforzar a asistencia en zonas rurais, onde hai unha gran dispersión e unha poboación envellecida, e onde o acceso á atención especializada pode supoñer desprazamentos longos para os pacientes.

A unidade evita aos pacientes unha media de 100 desprazamentos á semana, cuxas emisións son equivalentes a percorrer máis de 6.000 km pola estrada, repercutindo directamente no medio ambiente, en liña co forte compromiso da sanidade pública galega cos sostibilidade.

A unidade móbil foi financiada a través do Plan de Mellora das Infraestruturas de Atención Primaria do Ministerio de Sanidade (MINAP).

Reforzar a atención primaria

O conselleiro explicou o funcionamento e alta calidade do equipamento da unidade, que incorpora a radioloxía dixital e a intelixencia artificial para apoiar a precisión diagnóstica.

En termos asistenciais, o maior beneficio que achega a unidade, segundo Gómez Caamaño, é facilitar o acceso ás probas, ao tempo que se reforza a capacidade resolutiva da atención primaria.

O titular da carteira sanitaria puxo en valor o traballo dos profesionais de atención primaria e dos servizos de radioloxía, que están a facer posible que proxectos coma este funcionen con rigor e calidade.

Nun contexto como o actual de falta de médicos en todo o Estado, o conselleiro reiterou que o compromiso dos profesionais sanitarios é o que garante que a atención se manteña e mellore, sobre todo en épocas como as invernais nas que a presión asistencial sube por mor da gripe. Ao respecto, fixo un chamamento á cidadanía para vacinarse.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/12/2025