A Xunta e a CCDR-Norte convocan unha nova edición do premio literario Nortear dirixido á mocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
O premio está dotado de 3.000 euros e a publicación bilingüe do relato curto galardoado
A mocidade de entre 16 e 36 anos poderán presentar as súas candidaturas ata o 30 de xuño con obras inéditas de relato curto de entre 5.000 e 8.000 palabras, escritas en galego ou portugués
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025
A Xunta, a través da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-Norte), convocan unha nova edición do premio literario Nortear, dirixido á mocidade de entre 16 e 36 anos da Eurorrexión.
O certame, que se consolida como unha das plataformas máis consistentes de impulso á creación escrita no espazo transfronteirizo, concede un premio de 3.000 euros e a publicación bilingüe da obra gañadora.
As candidaturas —obras inéditas de relato curto de entre 5.000 e 8.000 palabras, escritas en galego e portugués— deberán presentarse ata o 30 de xuño na plataforma oficial: nortear.gnpaect.eu.
Creado para estimular a renovación literaria na Eurorrexión e promover a circulación de obras entre ambos os territorios, o premio é unha iniciativa conxunta da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. Desde 2015, contribúe a consolidar un espazo cultural compartido no que a creación literaria ocupa un lugar central.
Para as institucións organizadoras o premio non é só un recoñecemento individual, é unha forma de valorizar a escrita entre a mocidade, estimulando a súa expresión creativa, o pensamento crítico e a conexión coa cultura do territorio. Ao mesmo tempo, reforza a identidade e a visibilidade cultural da Eurorrexión, promovendo a circulación de obras literarias e a posta en valor do patrimonio inmaterial, consolidando un diálogo artístico e cultural entre comunidades veciñas.
Ao longo das edicións anteriores, presentáronse arredor de 550 obras, o que demostra o interese crecente dos novos autores en participar nun proxecto que lles ofrece visibilidade e oportunidades de edición. A última gañadora foi Diana Teixeira, con Voltar e Não Ser. Memórias de uma raia interior. Entre os autores distinguidos ao longo dos anos atópanse tamén Lara Dopazo, Rui Cerqueira Coelho, Cecília Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga, Pedro Rodríguez Villar, Marta Pais Oliveira, Vicente Vázquez e Manuel Iglesias.
Recoñecido como un polo cultural de referencia en Europa en materia de cooperación transfronteiriza, o proxecto Nortear está cofinanciado pola UE a través do programa Interreg VA España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, reforzando o papel da literatura como instrumento de diálogo, creatividade e aproximación entre comunidades.