A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue promove o solidario xesto da doazón no Parlamento de Galicia
As 25 campañas da ADOS desenvolvidas na cámara lexislativa galega, desde o ano 2001, acadaron 605 doazóns de sangue
A Axencia lembra a necesidade de reforzar esta semana a doazón dos grupos sanguíneos A Positivo, A Negativo e B Negativo
Santiago de Compostela, martes 2 de decembro de 2025
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Parlamento de Galicia desenvolveron, ao longo da presente xornada, unha campaña de doazón de sangue co obxectivo de facilitar o acceso a este xesto solidario de todos os deputados e deputadas, así como dos traballadores e traballadoras que desenvolven o seu labor na cámara lexislativa galega. O presidente do Parlamento, Miguel Santalices Vieira, e a directora da ADOS, Marisa López García, visitaron a unidade móbil para saudar a todas as persoas que acudiron a doar esta mañá.
Esta visita forma parte da campaña de doazón que a Axencia leva a cabo en empresas e organismos públicos e supón unha parte salientable do labor que desenvolve a ADOS. No caso do Parlamento de Galicia, esta institución ten acollido en 25 ocasións as visitas das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, acadando, un total de 605 doazóns de sangue, das cales 37 correspóndense con persoas que doaban sangue por vez primeira. Así mesmo, o obxectivo desta campaña pasa por superar as 43 doazóns acadadas no transcurso das visitas realizadas ata a cámara lexislativa galega no transcurso do pasado exercicio.
Compromiso social
A Axencia quere agradecer sinceramente á presidencia do Parlamento de Galicia, a súa especial sensibilidade en torno a doazón de sangue, así como o seu decidido compromiso, desde hai anos, para impulsar este xesto solidario na Cámara galega, así como a todos os traballadores, traballadoras, deputados e deputadas que doan sangue.
Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas.
Para máis información, a Axencia de Doazón de Órganoe e Sangue dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.