A Xunta licita por máis de 925.000 € a contratación dunha solución de ciberseguridade de protección de identidades para o Servizo Galego de Saúde

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o 9 de xaneiro de 2026 para presentar as súas ofertas

O Servizo Galego de Saúde dispón nestes momentos de arredor de 50.000 contas activas

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación, por importe de 925.650 euros, dunha solución de ciberseguridade de protección de identidades para o Servizo Galego de Saúde. 

O obxectivo principal é a adquisición dunha ferramenta de protección de seguridade de identidades que permita a alerta temperá das ameazas de seguridade que potencialmente afecten á plataforma de identidades. Tamén se busca a protección proactiva automatizada de posibles intentos de accesos non autorizados ou sospeitosos.

Entre outras cousas, utilizando técnicas de intelixencia artificial e de aprendizaxe automática deberase analizar o comportamento dos usuarios e entidades para establecer unha liña base de comportamento normal de cada identidade. Isto permitirá detectar anomalías e desviacións que poidan indicar unha actividade maliciosa.

O Servizo Galego de Saúde dispón nestes momentos de arredor de 50.000 contas activas.

Esta actuación é susceptible de cofinanciación pola Unión Europea nun 60 % a través do Programa Feder de Galicia 2021-2027.

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o 9 de xaneiro do vindeiro ano para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 03/12/2025