Villaverde destaca en Outes que Portos de Galicia pon a disposición dos concellos costeiros 37 instalacións destinadas á actividade náutico deportiva

A conselleira do Mar visitou o edificio de deportes náuticos no que Portos de Galicia investiu 500.000 € e que xestionará a administración local de xeito gratuíto

Outes (A Coruña), 3 de decembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou que Portos de Galicia, pon a disposición dos concellos costeiros galegos ata 37 instalacións destinadas a realizar actividades náutico deportivas, como acontece no porto do Freixo, onde o ente que depende da Consellería do Mar e o Concello de Outes colaboran para impulsar esta práctica.

Villaverde, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e polo alcalde de Outes, Francisco Calo, achegouse ao edificio de deportes náuticos do peirao, construído en 2011 polo ente público cun investimento de 500.000 euros e cuxa xestión asumirá de novo o Concello nas vindeiras semanas a través dunha concesión. Neste senso, a conselleira lembrou que o Concello de Outes xestionou o edificio desde a súa construción ata 2024, cando venceu a concesión anterior, sen que a administración local pedise a súa renovación. En maio deste ano o Concello de Outes iniciou de novo o trámite de solicitude de concesión a Portos de Galicia para recuperar a actividade náutico deportiva no inmoble. O ente público outorgará o título administrativo que así o habilita con exención total das taxas, tal e como recolle a lei, ao tratarse dunha administración local que desenvolverá actividades sen ánimo de lucro.

A concesión de Portos de Galicia permitirá que o edificio, de 550 metros cadrados e deseñado para a actividade deportiva, volva albergar usos de escola de vela e sede e centro de adestramento de piragüismo, entre outros. Deste xeito, a Consellería do Mar contribúe a fomentar os deportes acuáticos nas instalacións portuarias autonómicas.

37 instalacións para piragüismo, remo e vela

Esta é unha liña de traballo permanente desde Portos de Galicia, que a día de hoxe dispón de 37 instalacións en 28 municipios costeiros destinadas ao piragüismo, remo e vela; deportes que suman en Galicia máis de 7.000 persoas federadas. Así se recolle no informe presentado por Mar ao Consello da Xunta que contempla que, en máis dos 75 % dos casos, as concesións ou autorizacións que rexen sobre estes espazos non implican pago de taxas pola ocupación do terreo ou benefícianse de bonificacións do 90 % do importe.

As 37 instalacións referidas, situadas en 30 peiraos de titularidade autonómica suman unha superficie total de 37.400 metros cadrados e dan servizo a máis 2.000 piragüistas, 2.800 remeiros e 2.300 velistas. Entre elas figuran tanto as asentadas en terra, como edificios, naves, almacéns, vestiarios ou casetas, como as da lámina de auga, fundamentalmente pantaláns e pasarelas.

Pavimentación do viario portuario

Durante a súa visita ao Freixo, a conselleira do Mar anunciou tamén que Portos de Galicia ten prevista a pavimentación do viario portuario así como a renovación dos firmes esgotados na contorna da dársena, dentro dos seus orzamentos para 2026. O investimento previsto para esta actuación é de 80.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/12/2025