A consellería de Sanidade participa nun seminario organizado pola Plataforma de Mosquito Alert expoñendo a boa práctica desenvolvida en Galicia desde o ano 2023

A Consellería de Sanidade remarca a importancia das redes colaborativas como a Rede galega de vixilancia de vectores (RegaViVec)

No marco da vixilancia e control do mosquito tigre da RegaViVec, a Consellería de Sanidade convocou para este venres o Comité Técnico Interdepartamental do mosquito tigre

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025

A Consellería de Sanidade participa nun seminario organizado pola Plataforma de Mosquito Alert para expoñer a boa práctica desenvolvida en Galicia neste ámbito desde o ano 2023.

A subdirectora xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria da Consellería Sanidade, Inés Mato, falou da boa práctica implementada en Galicia coa difusión da aplicación de Mosquito Alert e da situación actual do mosquito tigre (Aedes Albopictus) na comunidade, así como da importancia das redes colaborativas como a Rede galega de vixilancia de vectores (RegaViVec).

A representante do departamento sanitario da Xunta participou nun seminario en Barcelona organizado pola plataforma de ciencia cidadá “Mosquito Alert” e baixo o proxecto “INOVEC”, dedicado a fomentar a investigación colaborativa e impulsar a innovación para mellorar a vixilancia e control dos mosquitos vectores que transportan arbovirus emerxentes a Europa e outras zonas.

O seminario ten lugar no Campus da Ciudadella da Universidade de Pompeu Fabra en Barcelona, do 2 ao 4 de decembro do 2025.

Comité técnico mosquito tigre

Por outra banda, e no marco da vixilancia e control do mosquito tigre da RegaViVec, a Consellería de Sanidade convocou para este venres, 5 de decembro, o Comité Técnico Interdepartamental do mosquito tigre.

A este comité están citados, entre outros organismos, os diferentes concellos nos que se detectou a presenza deste vector no 2025.

Na reunión falarase do estado de situación do mosquito tigre en Galicia, así como das actuacións levadas a cabo na prevención, vixilancia e control, e das actuacións que están previstas dentro da ReGaViVec para o 2026.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/12/2025