A Xunta abre a convocatoria do programa ‘Iacobus’ para impulsar a cooperación científica transfronteiriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Esta nova convocatoria está dotada de 210.000 euros para as tres modalidades do programa, isto é, Estancias de Investigación, Publicacións Científicas (Papers) e Patentes
Está dirixida a profesionais das 39 entidades participantes, que inclúen universidades, institutos politécnicos, centros tecnolóxicos e institucións de investigación en saúde da Eurorrexión
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025
A Xunta, a través da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, en colaboración coa Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR NORTE) e a Fundación CEER, lanza a nova convocatoria do programa IACOBUS 2025-2026, con prazo de presentación de candidaturas ata o día 23 de decembro de 2025, para as tres modalidades do programa: Estancias de Investigación; Publicacións Científicas (Papers); e Patentes, destinadas aos profesionais das 39 entidades participantes, que inclúen universidades, institutos politécnicos, centros tecnolóxicos e institucións de investigación en saúde da Eurorrexión.
Desde a súa creación o IACOBUS consolidouse como unha das iniciativas máis innovadoras para fomentar a cooperación científica e tecnolóxica na Eurorrexión. Creado e xestionado pola AECT coa colaboración Xunta, a CCDR NORTE e a da Fundación CEER, o programa enmárcase nas prioridades do Plan de Investimentos Conxuntos 2021–2027 e da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza (RIS3-T). Conta ademais co cofinanciamento da Unión Europea a través do INTERREG VI-A España–Portugal (POCTEP).
Modalidades do programa
Por unha parte, IACOBUS Estancias de Investigación promove estancias de investigación transfronteirizas para desenvolver proxectos de investigación en todos os ámbitos do coñecemento. Estas estadías fomentan colaboracións duradeiras entre institucións participantes. Contribúen igualmente para o desenvolvemento de publicacións conxuntas, candidaturas a proxectos europeos, novas liñas de investigación en colaboración, ben como iniciativas e eventos transfronteirizos, reforzando a consolidación unha comunidade científica e tecnolóxica referente en Galicia, Portugal e Europa.
Por outra parte, IACOBUS Publicacións Científicas (Papers) incentiva a produción conxunta de artigos científicos publicados en revistas indexadas no Journal Citation Report (JCR), contribuíndo para fortalecer a visibilidade e o prestixio da investigación transfronteiriza.
Por último, a modalidade IACOBUS Patentes fomenta a valorización económica da I+D+i mediante a protección da propiedade industrial e da transferencia tecnolóxica ao mercado, reforzando o papel da investigación na innovación e no desenvolvemento económico.
Convocatoria aberta
O programa IACOBUS conta cun orzamento total de 210.000 euros e o prazo para a presentación de candidaturas é ata o próximo o 23 decembro. Todos os documentos e instrucións de participación están dispoñíbeis en iacobus.gnpaect.eu. Para máis información, os interesados poden contactar coa AECT da Eurorrexión nos correos electrónicos gnpaect@gnpaect.eu ou iacobus@gnpaect.eu.
IACOBUS continúa a consolidarse como un programa de cooperación e investigación transfronteiriza, que impulsa as alianzas institucionais e fortalece o ecosistema científico da eurorrexión, promovendo a transferencia de coñecemento que conecta Galicia e o Norte de Portugal coa comunidade científica europea e internacional.