Fabiola García volve reclamar ao Goberno central información sobre o impacto en Galicia dos fallos detectados nas pulseras antimaltrato

A conselleira de Política Social e Igualdade tamén reclama ao Executivo que dote a Galicia de “máis medios e recursos” para a loita contra esta lacra

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, volveu esixir esta mañá no Parlamento que o Goberno central achegue información á Xunta de Galicia sobre o número de mulleres galegas, vítimas de violencia de xénero, que se viron afectadas polos fallos do sistema Cometa.

Na súa intervención, lembrou que o pasado mes remitiu unha carta á Ministra de Igualdade solicitando datos sobre a incidencia desta situación en Galicia, unha petición á que aínda non se ten remitido resposta. Neste sentido, Fabiola García denunciou a gravidade dos feitos e instou ao Goberno central “a tomar decisións e asumir responsabilidades”.

A conselleira de Política Social e Igualdade tamén reclamou ao Goberno central que dote ás comunidades autónomas de “máis medios e recursos” na loita contra a violencia de xénero. Neste sentido, solicitou máis presencia das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para disuadir aos potenciais agresores e para ofrecer unha maior seguridade. Ademais, incidiu na necesidade de impulsar unha lei estatal contra a trata e de acometer o reforzo xudicial, ante o incremento do número de denuncias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/12/2025