O conselleiro de Sanidade instou ao Goberno central a adoptar unha postura negociadora para evitar a folga convocada contra o Estatuto Marco que está a promover
Gómez Caamaño insiste na súa petición á ministra para evitar o paro de 4 días na Sanidade pública, que só en Galicia suporía a cancelación de máis de 43.000 procesos asistenciais
A Xunta estima que a folga provocaría a suspensión de 1.344 cirurxías, máis de 40.000 consultas e preto de 2.400 probas no paro convocado para os 4 días
O responsable autonómico lamenta a falta de vontade política da Ministra e critica a súa inacción á hora de achegar solucións para paliar a falta de médicos que sofre o Sistema Nacional de Saúde
Contrapón a actitude do Ministerio coa vontade negociadora da Consellería de Sanidade, que permitiu a desconvocatoria por parte de 4 organizacións da folga en atención primaria e tamén a convocada para mañá polo sindicato de enfermería
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, instou esta tarde ao Goberno de España a adoptar unha posición de diálogo cos profesionais médicos co obxectivo de evitar a folga convocada para a próxima semana por mor do novo Estatuto Marco que promove o Ministerio de Sanidade e que suporía, só en Galicia, a cancelación de máis de 43.000 procesos asistenciais.
Segundo apuntou o responsable autonómico, a falta de vontade da ministra para acadar acordos derivará nun paro sanitario de 4 días que podería levar á suspensión de 1.344 cirurxías, máis de 40.000 consultas e preto de 2.400 probas diagnósticas.
Durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, Gómez Caamaño referiu que este paro “é extremadamente preocupante” para o sistema sanitario, e reiterou que a folga contra o Estatuto Marco do Goberno central representa unha “grande ameaza para a atención sanitaria”, xa que impactará moi negativamente nas listas de espera.
Neste contexto, o titular de Sanidade puxo en valor o recente acordo acadado pola Xunta e catro organizacións sindicais para desconvocar a folga prevista a pasada semana en atención primaria e tamén a desconvocatoria, hoxe mesmo, da folga prevista para mañá por parte do sindicato de enfermería SATSE.
Sobre este particular, precisou que os acordos acadados cos sindicatos supoñen unha oportunidade que permitirá reforzar a atención primaria e mellorar as condicións dos profesionais.
Incidiu en que sobre a base dese consenso, esta mesma semana se comezará a traballar na Mesa Sectorial que hai convocada para este venres na concreción dunha serie de medidas que incentivarán a voluntariedade na realización das gardas e que fornecerá a figura do médico de familia.
Inacción do Ministerio de Sanidade
Na súa resposta, o conselleiro tamén aludiu á necesidade de que o Ministerio de Sanidade adopte medidas para paliar o déficit de médicos que sofre o conxunto do Sistema Nacional de Saúde.
Neste sentido apuntou que a “inacción” do Goberno central e a súa “falta de vontade política” está a afectar ao conxunto das comunidades autónomas. Segundo indicou, polo de agora o Ministerio non tomou nin unha soa medida de calado que buscase pór solución a este déficit de especialistas.
No ámbito da súas competencias, abundou Gómez Caamaño, a Xunta leva anos traballando para facer fronte a esta falta de médicos na atención primaria. Así, enumerou algunhas das medidas postas en marcha polo Goberno galego como a oferta de prazas fixas por concurso de méritos, os contratos de 3 anos de duración para o persoal MIR ou a mellora das condicións laborais dos profesionais sanitarios.
“Levamos anos incrementando recursos, contratando máis persoal e creando novas categorías“ subliñou o conselleiro, quen demanda do Ministerio de Sanidade que achegue solucións para resolver este problema que afecta a todo o sistema sanitario nacional.