A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e o Básquet Coruña convidan a doar sangue coa campaña “Mete a tripla da túa vida”

A entidade deportiva e a ADOS desenvolverán ao longo do mes de decembro unha campaña especial de doazón destinada a fomentar este xesto solidario entre todos os veciños e veciñas da Coruña

A iniciativa intégrase no programa “16 partidos, 16 causas” que promoven o Club Básquet Coruña e o Grupo Osmos

Santiago de Compostela, xoves 4 de decembro de 2025

A Axencia de Doazón Órganos e Sangue (ADOS) e o Básquet Coruña unen forzas a prol da doazón de sangue durante o mes de decembro coa campaña “Mete a tripla da túa vida”. Esta iniciativa, dentro do programa “16 partidos, 16 causas” promovida polo Club Básquet Coruña e o Grupo Osmos, quere fomentar unha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue entre os coruñeses e coruñesas e, moi especialmente, entre os seareiros e seareiras do Leyma Coruña.

O Leyma Coruña adicará o encontro, que disputará este domingo fronte ao Palencia, á doazón de sangue mediante a emisión dun vídeo protagonizado por Dino Radoncic e, nas vindeiras xornadas, emitirase tamén outra mensaxe do capitán Guillem Jou, convidando á doar sangue entre as xornadas do 9 ao 30 de decembro.

As persoas que acudan a doar nestas datas nas unidades móbiles desprazadas na bisbarra da Coruña, entrarán no sorteo, a finais de decembro, de 30 entradas para presenciar primeiro encontro de 2026, que enfrontará ao Leyma Coruña co Alega de Cantabria. Todas as persoas que doen sangue no mes de decembro na zona da Coruña e bisbarra entrarán, ademais, no sorteo dunha camiseta asinada polos xogadores do primeiro equipo do Leyma Coruña.

Aumentar a participación

A ADOS lembra á cidadanía galega a importancia de doar nas xornadas previas e posteriores á primeira ponte festiva do presente mes de decembro, xa que, nestas datas e nos períodos vacacionais, continúa sendo necesario acadar máis de 400 doazóns de sangue diarias para posibilitar o axeitado desenvolvemento do labor asistencial dos hospitais galegos.

A Axencia salienta que estas primeiras xornadas do mes de decembro están a coincidir cun aumento dos casos de gripe e enfermidades víricas respiratorias tan comúns nesta época do ano pero que repercuten na participación dos doantes, xa que impiden a doazón ata que a persoa está recuperada.

A ADOS salienta a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para acadar unha conciencia social favorable á doazón como, nesta nova oportunidade, está a impulsar a Básquet Coruña, xa que xunta os positivos valores do deporte á mensaxe de solidariedade que transmite a Axencia.

Índice de doazón

A Axencia quere salientar o carácter solidario dos veciños e veciñas da Coruña que, no pasado ano 2024, situaron a este municipio como a terceira das sete grandes cidades galegas en taxa de doazón, cun índice de 40 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano,  grazas ás 9.995 doazóns rexistradas no transcurso do pasado exercicio. Esta cifra supuxo que a cidade da Coruña se situase como a segunda con maior volume de doazóns de sangue de entre as sete grandes cidades galegas.

ADOS quere agradecer ao Básquet Coruña (directiva, corpo técnico, xogadores, seareiros e seareiras...) a súa especial sensibilidade en torno á doazón de sangue, así como o seu decidido compromiso para impulsar este xesto solidario na Coruña, agardando que, coa súa contribución, a cidade continúe sendo un dos concellos galegos con maior número de doazóns.

Data de actualización: 04/12/2025