A Xunta licita por máis de 3,6 M€ as obras de mellora do firme en 3 estradas nos concellos da Estrada e de Agolada

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta licitación e establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 22 de xaneiro

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé adxudicar e iniciar as obras no primeiro semestre do 2026

Os traballos consistirán no acondicionamento de distintos treitos da PO-841 e PO-213, no concello da Estrada, e da PO-840, no de Agolada

Ademais da renovación do firme, repoñeranse marcas viarias e realizaranse traballos de conservación e limpeza da drenaxe actual

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025

A Xunta licita por máis de 3,6M€ as obras de reforzo do firme nas estradas PO-841 e PO-213, ao paso polos concellos da Estrada, e na PO-840, no concello de Agolada.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta licitación e establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 22 de xaneiro.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé adxudicar e iniciar as obras no primeiro semestre do 2026.

As actuacións, cun prazo de execución de 12 meses, teñen como obxectivo a rehabilitación da capa de rodaxe para mellorar as condicións de circulación nos distintos treitos destas dúas estradas.

Na estrada PO-841, no municipio da Estrada, acondicionarase un treito de máis de 6,3 quilómetros, desde o punto 11+760 ata o 18+085, realizando accións puntuais nas rotondas ata o punto quilométrico  21+510. Na PO-213, intervirase en varios treitos ao longo de 15,3 quilómetros.

En relación á PO-840, ao seu paso polo concello de Agolada, rehablitarase a capa de rodaxe ao longo do treito de 9,8 quilómetros de lonxitude, entre os puntos 58+960 e ata o 68+766.

Ademais da renovación do firme, repoñeranse marcas viarias lonxitudinais e transversais, e realizaranse traballos de conservación e limpeza da drenaxe actual.

Data de actualización: 04/12/2025