Belén do Campo destaca a importancia da prevención e da convivencia escolar durante a súa asistencia ás charlas do Plan Director para a convivencia organizadas pola Garda Civil

A representante do Goberno autonómico agradeceu ao equipo directivo e ao profesorado do IES Manuel Murguía o traballo que realizan nun centro dinámico e plural, e recoñeceu o esforzo das familias e do alumnado por construír unha convivencia baseada no respecto mutuo

Arteixo (A Coruña), 4 de decembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu, esta mañá, no IES Manuel Murguía de Arteixo ás charlas de prevención organizadas pola Garda Civil dentro da programación do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas. Este é un centro de referencia ao tratarse do  máis grande de Galicia xa que conta co case 1.000 alumnos e preto de 80 profesores.

A delegada da Xunta destacou “a importancia de fortalecer a convivencia escolar e de ofrecer ao alumnado ferramentas para previr riscos, comprender a contorna dixital e promover relacións respectuosas e seguras”. Sinalou ademais que este tipo de accións “contribúen a construír centros máis seguros, máis cohesionados e máis preparados para responder ás necesidades dunha mocidade cada vez máis diversa e dixitalizada”.

O IES Manuel Murguía foi elixido como un dos centros de referencia pola súa realidade singular, caracterizada por un alto volume de alumnado e unha gran diversidade de nacionalidades e culturas, circunstancias que requiren un traballo continuado en materia de convivencia, integración e acompañamento educativo.

A representante do Goberno autonómico agradeceu ao equipo directivo e ao profesorado do IES Manuel Murguía “o intenso traballo que realizan día a día nun centro dinámico e plural”, e recoñeceu o esforzo das familias e do alumnado por construír unha convivencia baseada no respecto mutuo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2025