Medio Rural reforza a colaboración coa Federación Española de Gando Selecto para a mellora xenética
A conselleira María José Gómez, en calidade de presidenta de Xenética Fontao, asinou esta mañá un convenio con esta entidade para a realización de 60.000 análises nos vindeiros dous anos para a determinación de parentesco e xenotipado
Gómez subliñou que Xenética Fontao é un referente a nivel nacional e internacional no seu campo de actividade e que parte dunha situación privilexiada para a captación de fondos en materia de I+D+i para a mellora xenética
Lugo, 4 de decembro de 2025
A Consellería do Medio Rural, a través de Xenética Fontao, e a Real Federación Española de Asociacións de Gando Selecto (Rfeagas) reforzarán a súa colaboración en materia de análises de ADN en animais de diversas razas puras, con vistas a seguir avanzando en materia de mellora xenética destes recursos. A titular da Consellería e presidenta da empresa pública mercantil Xenética Fontao, María José Gómez, e o presidente da Federación, José Luis Urquijo, asinaron esta mañá en Lugo un convenio de cooperación que permitirá a realización de 60.000 análises nos vindeiros dous anos para a determinación de parentesco e xenotipado, así como asesoramento técnico.
Neste acto, a conselleira subliñou que Xenética Fontao “é un referente a nivel nacional e mesmo internacional” no seu campo de actividade, así como tamén Galicia o é no eido primario en xeral, e gandeiro en particular. Ademais, destacou que esta empresa localizada en Lugo “parte dunha situación privilexiada” para a captación de fondos en materia de investigación e innovación para a mellora xenética, entre outras características que a definen.
Aplicacións desta tecnoloxía
Coa sinatura deste convenio ponse de manifesto que a incorporación da biotecnoloxía do ADN nos programas de mellora xenética resulta clave para o seu desenvolvemento, con aplicacións tan importantes como as análises de filiación (garantía da fiabilidade dos libros xenealóxicos), controis de rastrexabilidade, diagnóstico de enfermidades e anomalías xenéticas ou a identificación de variantes xenéticas relacionadas con caracteres produtivos e morfolóxicos.
Ademais da colaboración establecida entre ambas as dúas partes para a execución deste programa en ovino de leite e vacún de carne, cómpre salientar que a Federación e Xenética Fontao manteñen unha traxectoria de cooperación de máis de 20 anos para a realización de análises de ADN en animais das razas bovinas, ovinas e cabrúas asociadas á devandita entidade e representadas por ela no ámbito nacional.
A selección xenómica permite a estimación do valor xenético dun individuo. O laboratorio de Xenética Fontao ten demostrado ao longo dos últimos anos acreditada solvencia e capacidade técnica para a execución deste tipo de análises. Conta coa acreditación internacional do ICAR (International Commitee for Animal Recording) para a determinación de parentesco en animais da especie bovina mediante o xenotipado de marcadores SNP. Desde o ano 2018, está considerado por Rfeagas como laboratorio de referencia para a realización destas análises do programa de selección xenómica.