A Xunta apoia o primeiro estudo académico de España específico sobre a situación das mulleres lesbianas nunha comunidade autónoma
O estudo A situación das mulleres lesbianas* en Galicia, impulsado por LesWorking, sitúa como unha das grandes materias pendentes a súa visibilidade para conseguir crear referentes culturais
A directora xeral explica que a investigación recolle que Galicia foi a primeira autonomía de España en contar cunha lei propia, sendo, xunto con España, un referente internacional no recoñecemento e defensa dos dereitos LGBTI
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá na presentación do estudo A situación das mulleres lesbianas* en Galicia, un traballo co que Galicia se converte na primeira comunidade autónoma en contar cun estudo académico específico sobre a situación das mulleres lesbianas no territorio galego. Esta investigación foi impulsada por LesWorking, a primeira rede profesional internacional para mulleres lesbianas e bisexuais, dirixido pola vicedecana da Facultade Ciencias Políticas e Sociais da USC, Amparo Novo, co apoio económico da Consellería de Política Social e Igualdade.
Trátase dun estudo que se suma aos traballos apoiados ou desenvoltos pola Xunta sobre as persoas LGBTI, como é o caso do informe A diversidade na contorna laboral: estudo sobre a situación laboral das persoas LGBTI en Galicia, elaborado e publicado pola Goberno galego en 2023 e que foi empregado para a elaboración do estudo presentado hoxe.
Neste sentido, a directora xeral explicou que “esta investigación recoñece que a sociedade galega avanza cara a plena inclusión de todos os feitos de diversidade sexual, ao mesmo tempo que todas e todos somos coñecedores de que quedan moitos retos por acadar para mellorar a vida das mulleres lesbianas”. Así, unha das grandes materias pendentes é a súa visibilidade para conseguir crear referentes culturais, “porque precisamos ser máis visibles e seguir traballando nesa dirección”, afirmou Quintiana.
O informe recoñece que no eido laboral se ten avanzando moito en termos de inclusión e diversidade, aínda que os prexuízos e estereotipos sobre mulleres lesbianas, trans ou bisexuais limitan as oportunidades. Ademais, nos diferentes discursos das entrevistadas obsérvase un cambio e unha evolución xeracional que suxire avances cara a unha maior aceptación e visibilidade na contorna laboral.
Do mesmo xeito, o estudo reflicte que no eido educativo é necesario seguir fomentando a empatía, o respecto á diversidade para erradicar calquera tipo de violencia para construír espazos seguros. No que se refire ao ámbito da saúde, precísase seguir incorporando cada vez máis a perspectiva da diversidade sexual nas consultas médicas, con más énfase nas xinecolóxicas.
Galicia, pioneira no apoio ás persoas LGBTI
Así, e como recolle o estudo A situación das mulleres lesbianas* en Galicia, a comunidade galega foi a primeira autonomía de España en contar cunha lei propia, a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais. “É dicir, Galicia foi e é un referente internacional -así como o é o conxunto de España- no recoñecemento e defensa dos dereitos das persoas LGBTI”, apuntou a directora xeral.
Quintiana aproveitou o espazo para expoñer o traballo da Xunta de Galicia nese sentido. Así, fixo fincapé en que nos últimos anos o máis prioritario é o impulso da visibilización da diversidade sexual nas diferentes políticas públicas. Neste sentido, explicou o incremento do apoio ao movemento asociativo, o apoio ás iniciativas no rural-como o Ponte Farruca, Ruada das Gotas, Porco Pride ou Orgullo de Pobo- e o impulso dos Espazos de Igualdade e puntos lila e arco iris nos principais festivais de música, no que se fai unha tarefa de sensibilización importante e de atención con respecto á diversidade sexual e polo que este verán pasaron máis de 20.000 persoas.
Así mesmo, a directora xeral puxo en valor o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero como un espazo de traballo e de diálogo amable, constante e moi produtivo; así como o diálogo aberto co movemento asociativo e principais sindicatos a través da Mesa de Traballo de Diversidade dentro do Diálogo social. Do mesmo xeito, ademais de referirse a toda a formación que se desenvolve na administración e outras liñas de acción, explicou o traballo conxunto coa Consellería de Sanidade para a elaboración do Protocolo de atención sanitaria na Atención Primaria das persoas trans ou o documento “A saúde das mulleres na Atención Primaria”, no que tamén está incorporada a perspectiva de diversidade LGBTI.