A Xunta resalta en Lalín o valor de colaborar co tecido comercial para dinamizar as rúas e fomentar o consumo de proximidade no Nadal

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou no acto de acendido das luces de Nadal do concello pontevedrés e na inauguración dos escaparates máxicos, unha iniciativa que conta co apoio do Executivo galego

Lalín (Pontevedra), 4 de decembro de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, participou esta tarde no acto de acendido das luces de Nadal na praza da Igrexa da localidade e na inauguración dos escaparates máxicos, unha iniciativa do Concello que conta co apoio da Xunta de Galicia para dinamizar o tecido comercial e tamén o hostaleiro durante estas datas.

Así, complementando as xa tradicionais Aldeas de Nadal que impulsa cada ano o municipio pontevedrés, a proposta ponse en marcha por segunda vez estruturada arredor de tres eixos principais. En primeiro lugar, destaca a posta en valor de catro escaparates baleiros nos que se recrean escenografías e estampas navideñas, así como dunha fachada máxica da hostalaría situada na praza de abastos. O segundo eixo consiste na activación dun concurso de escaparates dirixido aos comercios da vila e doutro específico por primeira vez para os establecementos hostaleiros. Finalmente, inclúese unha aposta pola formación, mediante un curso gratuíto sobre escaparatismo e decoración con base artística destinado a comerciantes e hostaleiros.

O director xeral subliñou o valor desta iniciativa pola súa capacidade de poñer o foco no comercio como un activo estratéxico para revitalizar as rúas e atraer visitantes. Segundo destacou, accións como esta contribúen a dinamizar o territorio e a estimular as vendas de proximidade nunha das campañas anuais máis relevantes para o sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2025