A Xunta trae estas festas a Ferrol o Mercado de Nadal e unha pista de xeo para potenciar o valor turístico destas datas

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación das Festas de Nadal 2025 da cidade na que se inclúen estas atraccións

Destacou que o Goberno galego segue traballando na desestacionalización da oferta turística “co fin de conseguir así un nivel de ocupación e visitas homoxéneo durante todo o ano nos distintos destinos”

Ferrol, 5 de decembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Concello de Ferrol na presentación das Festas de Nadal de Ferrol 2025 que, un ano máis, contan co apoio de Turismo de Galicia para potenciar o valor turístico destas datas. Trátase dunha iniciativa coa que, como sinalou Aneiros, o Goberno galego segue traballando na desestacionalización da oferta turística “co fin de conseguir así un nivel de ocupación e visitas homoxéneo durante todo o ano nos distintos destinos”.

A través desta iniciativa, a Xunta trae desde hoxe á cidade o Mercado de Nadal, un evento no que participarán 11 casetas de artesanía local con diferentes artigos de Nadal e outras sete casetas de gastronomía e repostería que permanecerán emprazadas na praza de Armas ata o próximo 7 de xaneiro. O mercado contará ademais cunha zona infantil baixo unha carpa decorada na que se desenvolverá unha programación diaria de obradoiros participativos como cociña, repostería, xabóns, reciclaxe, pintacaras, coroas; obradoiros demostrativos de coiro, zapataría, ferrería e exposicións.

Outra das atraccións incluída na programación das Festas de Nadal de Ferrol 2025 co apoio da Xunta será unha pista de xeo de 320 metros cadrados que a partir do próximo 19 de decembro se instalará no Cantón de Molíns.

A delegada territorial destacou que a través de propostas coma esta, a Xunta pretende contribuír a potenciar a imaxe de Ferrol como destino de oportunidades para o lecer e “goce cunha programación viva, moderna e dirixida a todos os públicos, á vez que enriquece a oferta de turismo urbano na cidade ao redor dunha celebración tradicional como é o Nadal”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2025