A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, avanzou que a estrada suporá un investimento de máis de 12M€

A Xunta presenta en Pontevedra a estrada alternativa á PO-225 que inclúe un viaduto sobre a AP-9, dúas glorietas, catro pasos de peóns e unha senda peonil

Allegue destaca que o trazado parte do consenso tanto veciñal como do Concello e sinala que o novo viario permitirá aliviar o tráfico na PO-225 por onde circulan diariamente 12.000 vehículos

A variante terá un quilómetro de lonxitude e suporá a creación de dúas novas glorietas, unha delas no seu remate para conectar coa N-550 no lugar da Cendona

O trazado inclúe ademais dun viaduto para salvar a AP-9, o río Gándara e o paso do ferrocarril e a creación dunha senda peonil na marxe esquerda para garantir a seguridade nos desprazamentos das persoas

A construción da variante garante a conectividade entre as parroquias grazas aos catro pasos de peóns e as interseccións previstas

A Xunta prevé someter a información pública o proxecto de trazado no primeiro trimestre do vindeiro ano e aprobar o proxecto definitivo no primeiro trimestre de 2027, sendo o prazo de execución estimado de 24 meses

Pontevedra, 5 de decembro de 2025

A Xunta presenta en Pontevedra a estrada alternativa á PO-225, que inclúe un viaduto sobre a autoestrada AP-9, dúas novas glorietas, catro pasos de peóns e unha senda peonil. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, avanzou hoxe que o novo viario suporá un investimento de máis de 12M€.

Allegue destacou que o trazado da variante, que conectará a PO-531 coa N-550 e terá un quilómetro de lonxitude, nace do consenso, tanto veciñal como co Concello, e dun “traballo previo moi intenso”. A conselleira subliñou que a estrada suporá “unha mellora substancial da mobilidade global” nesta zona do municipio, “que redundará en beneficio de Pontevedra e a comarca”.

Así, permitirá aliviar a circulación na PO-225, ao absorber o novo viario gran parte do seu actual tráfico (en torno a 12.000 vehículos diarios) e tamén desconxestionará as outras dúas estradas, coa consecuente mellora da seguridade viaria e peonil na zona a través dunha actuación integrada na contorna e compatible cos usos existentes. “Axudará ademais a desconxestionar o núcleo urbano, posibilitará un acceso máis directo á costa a través da variante de Poio”, e a equipamentos como o Hospital Montecelo ou centro de saúde de Lérez.

Subliñou que a actuación permitirá estruturar e distribuír os tráficos das tres estradas (PO-225, PO-531 e N-550) “garantindo a conectividade nunha zona onde conflúe moito tránsito”. Ademais, tamén mellorará a mobilidade peonil coa habilitación dunha senda na marxe esquerda ao longo de todo o trazado.

Allegue subliñou que a nova variante garantirá as interseccións coas estradas locais que transcorren pola zona e contará con viarios de servizos paralelos para facilitar a conexión con todas as fincas colindantes así como pasos de peóns correspondentes. 

A Xunta prevé someter a información pública o proxecto de trazado para a nova variante no primeiro trimestre do vindeiro ano, ademais de sometelo a avaliación ambiental simplificada, co obxectivo de ter aprobado o proxecto definitivo no primeiro trimestre de 2027. Posteriormente, o prazo de execución das obras estímase en 24 meses.

Trazado

A nova variante, como explicou a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, terá preto dun quilómetro de lonxitude (992m), desde a actual glorieta da PO-531 en Campañó, ata a rotonda que se construirá na N-550 no lugar da Cendona, na parroquia de Lérez.

Estará formada por unha única calzada, con dous carrís de circulación de 3,5 metros de ancho e beiravías exteriores de 2 metros e, na marxe esquerda, executarase unha senda peonil de 2,5 m, separada da calzada por unha zona axardinada.

O inicio da estrada na PO-531 configurarase por medio dunha ligazón a nivel sobre a glorieta existente. Así, ampliarase a entrada á glorieta dun carril a dous en dirección Vilagarcía e se realizará o entronque ao leste co novo viario. Ademais, darase continuidade aos itinerarios peonís existentes en ambas marxes.

A variante conectará coa coa estrada estrada local Cachapal-O Freixo mediante unha intersección canalizada tipo “T” sobre a vía principal, e dotada de cuñas de cambio de velocidade para garantir manobras seguras. E despois coa estrada local que conecta Pontecabras e Banqueira, mediante unha glorieta a nivel, cun diámetro exterior, incluíndo as beiravías, de 38 metros e cun illote central de 18 metros. Nela tamén se dará continuidade á nova senda proxectada.

Para salvar a AP-9, o río Gándara e o ferrocarril habilitarase un viaduto de 242 metros de lonxitude e 17,3 de altura máxima. Estará situado entre o pq. 0+027 e o 0+269 da variante.

Finalmente, a conexión coa N-550 executarase a través doutra nova glorieta no lugar da Cendona, cun diámetro exterior, incluíndo beiravías, de 38 metros e un illote central de 18 metros. A calzada anular estará formada por dous carrís de 4 metros, e as beiravías serán 1 m de ancho. Ao igual que nas outras rotondas, darase continuidade aos itinerarios peonís existentes en ambas as marxes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2025