O secretario xeral da Lingua, Valentín García, seguiu o desenvolvemento da proba piloto na sede da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
A Xunta realiza de maneira pioneira os exames Celga en liña con máis de 600 solicitudes para acreditar o dominio do galego
Trátase dunha primeira experiencia que se limitou a 100 prazas co obxectivo de amplialas nas vindeiras convocatorias
As persoas inscritas proceden tanto de Galicia como doutras partes de España e mesmo de Portugal
Destaca que “somos a primeira Comunidade con idioma cooficial en implantar estas probas telemáticas co obxectivo de ampliar a acreditación do dominio do galego”
Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, seguiu hoxe o desenvolvemento das probas Celga que, por primeira vez, se puideron realizar en liña e para as que se recibiron máis de 600 solicitudes. Trátase dun avance que, segundo explicou na sede da Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que nos permite “chegar a máis persoas no obxectivo de validar e acreditar o dominio do galego”, puntualizando que “esta foi unha primeira experiencia que queremos seguir ampliando tendo en conta a gran demanda, tanto aumentando as prazas como os niveis”.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que “Galicia é pioneira con esta iniciativa, ao converterse na primeira Comunidade das que contan con idioma cooficial en implantar este tipo de probas de maneira telemática, co obxecto de que calquera persoa poida avaliar as súas competencias en lingua galega e obter unha titulación oficial sen limitación física ou xeográfica”.
Neste senso, tal e como explicou Valentín García, os exames limitáronse a 100 prazas para as que se recibiron solicitudes procedentes de Galicia, León, Asturias, Valladolid, Madrid, Murcia, Burgos, A Rioxa, Barcelona, Biscaia, Castellón, Zamora e mesmo Portugal. Así mesmo, lembrou que os exames realizados hoxe correpondéronse co nivel 4 do Celga e que as prazas foron asignadas a través dun sorteo aleatorio realizado o pasado 5 de novembro nun acto público e cuxa resolución se publicou no Portal da Lingua.
Funcionamento da proba
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia levou a cabo o proceso integral de deseño, adaptación e posta en marcha da plataforma a través da que se realizaron as probas. Ademais, encargouse de prestar o servizo completo de soporte e monitorización, tanto na fase de inscrición e realización das probas previas por parte do alumnado como o seguimento e control da correcta execución dos exames no seu conxunto. Este labor garante a dispoñibilidade, seguridade e adecuado funcionamento de todo o proceso.
Así, a proba en liña seguiu os mesmos parámetros que as presenciais. Deste xeito, o exame escrito constou de dúas partes dispoñendo dun máximo de tres horas para realizalas. En canto ao oral, a duración aproximada foi de trinta minutos e estruturouse en catro partes: lectura dun texto, resumo e exposición oral a partir dun enunciado relacionado co tema e, finalmente, resposta oral a diversas cuestións tamén vencelladas co documento.
Para a súa realización e correcto control, as persoas solicitantes permitiron o acceso do sistema á súa cámara web durante o tempo de duración da proba co obxecto de verificar que esta se estaba a realizar de xeito autónomo e sen axudas externas.
Ademais, foi necesario facer a proba cun teléfono móbil, permitindo que o sistema controlara o posto da persoa desde un segundo punto de vista diferente ao obtido pola propia cámara web do ordenador.