A Xunta pon en valor a declaración Galicia para defender un modelo de xestión compartida dos Fondos Europeos

O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos lembrou que con este novo marco terase que dar resposta aos desafíos da Unión Europea na próxima década

Ángel Tarrío Tobar participou nunha xornada sobre o novo marco financeiro plurianual 2028-2034 organizada pola CEG

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2025

A Xunta pon en valor a Declaración Galicia para defender un modelo de xestión compartida dos Fondos Europeos. O Goberno galego considera a negociación do marco 2028-2034 como un momento decisivo para o futuro de Europa e así o recordou hoxe o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da consellería de Facenda e Administración Pública, Ángel Tarrío Tobar, no marco da xornada O novo marco financeiro plurianual 2028-2034: A visión rexional e empresarial de Galicia no debate europeo, organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

A xornada analiza o Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034 a partir da proposta inicial da Comisión Europea, que introduce os plans de Colaboración Nacionais e Rexionais (PCNR), un novo modelo que integraría políticas como a cohesión, PAC, pesca ou emprego baixo un mesmo marco estratéxico. Está aberto, deste xeito, o debate entre as rexións e os axentes socioeconómicos sobre a centralización nos Estados membros fronte as prioridades territoriais específicas.

Ángel Tarrío lembrou que o marco de xestión terá que dar resposta aos novos desafíos da Unión Europea e que a Declaración Galicia pide que as rexións teñan un papel fundamental á hora de deseñar e xestionar as accións necesarias para abordar os retos de cada territorio e, polo tanto, que Europa non se recentralice.

O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos defendeu que as rexións deben seguir xogando un papel central na planificación e xestión dos fondos de xestión compartida, así como a necesidade dun orzamento específico, diferenciado e suficiente para lograr unha Política de Cohesión europea máis forte e moderna.

Para Ángel Tarrío é preciso facer fronte aos grandes retos xeopolíticos e ambientais actuais, sempre tendo en conta os principios fundacionais da Unión Europea, os da cohesión económica, social e territorial, así como o apoio á agricultura e á pesca, sectores estratéxicos tanto para Galicia como para Europa. Para iso, é preciso unha Europa que reforce a súa gobernanza multinivel e que confíe nas rexións como garantes de proximidade, eficacia e compromiso co proxecto europeo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2025