A Xunta concede a Asfedro unha subvención de 50.000 euros para a reforma integral da accesibilidade da comunidade terapéutica Tito Pena-O Confurco

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións para coñecer os detalles deste proxecto

A iniciativa finánciase a través da convocatoria de axudas destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais da Consellería de Sanidade

Ferrol, 5 de decembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións da comunidade terapéutica Tito Pena-O Confurco que xestiona a Asociación Ferrolá de Drogodependencias, Asfedro, beneficiaria recentemente dunha subvención da Consellería de Sanidade. Así, tal e como informou Aneiros durante a visita, a entidade percibiu unha achega autonómica de 50.000 euros para a reforma integral da accesibilidade da comunidade terapéutica no marco da convocatoria de axudas destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais.

Esta orde de axudas, dotada cun crédito orzamentario de máis de 1,3 M€ posúe varias liñas de investimento. No caso de Asfedro, beneficiouse da liña destinada a proxectos de investimento en melloras nos centros sanitarios e sociosanitarios cuxa actividade principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais ou preventivos en materia de trastornos mentais, incluídos os adictivos.

A delegada territorial lembrou que a entidade ferrolá tamén acometeu a substitución da cuberta envolvente do centro terapéutico grazas a unha achega doutros 50.000 euros de pasadas edicións desta convocatoria

Ademais de Asfedro, tamén resultou beneficiaria destas axudas dentro do ámbito territorial da Delegación a asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. No seu caso, percibiu unha achega de 10.891 euros para o equipamento do seu centro de rehabilitación psicosocial e laboral.

A representante do Goberno autonómico destacou o incremento do 11,8% do orzamento consignado para o desenvolvemento deste tipo de actividades con respecto ao ano anterior e puxo en valor a relevancia da orde en tanto aglutina a maior parte das axudas do Servizo Galego de Saúde ao trastorno mental, permitindo financiar programas estratéxicos para avanzar na mellora da saúde mental da poboación galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2025