Arias destaca o papel dinamizador da Feira de antigüidades e artesanía da Pontenova, que conta co apoio da Xunta
A Pontenova (Lugo), 5 de decembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o papel dinamizador que exerce a Feira de Antigüidades e Artesanía da Pontenova para a hostalería local, “converténdose nunha das citas de referencia na provincia e mesmo nos concellos veciños de Asturias nesta ponte festiva”.
Arias participou na inauguración oficial da décimo oitava edición da feira, á que se sumará mañá a IX Xuntanza de Vespas, Motos e Coches Clásicos, e subliñou o apoio da Xunta a ambos eventos “que atraerán a milleiros de persoas á localidade ata o próximo domingo”.
Máis de medio cento de postos ofrecerán os seus produtos nas carpas instaladas na Praza dos Fornos, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas – salvo o domingo, que pecharán ás 20.00 horas-. Ademais, haberá demostracións de forxa de ferro, pintura, cestería, coiro, torno de madeira, xoias e lámpadas de cabaza. Igualmente, exporase a mostra fotográfica O legado das minas, coa que se conmemora o 125 aniversario de la Sociedad Minera Vilaodriz.