A Xunta reunirá a mocidade, deportistas e adestradores no primeiro gran encontro ‘A mente en forma’

A cita, que se celebrará o venres 12 en Santiago de Compostela, está deseñada para poñer en valor a importancia da saúde mental no deporte

O obxectivo da iniciativa é fortalecer a colaboración entre os diferentes axentes do ecosistema deportivo galego e inspirar á mocidade a través de exemplos reais

O programa inclúe relatorios, mesas redondas e encontros con referentes deportivos como Javier Gómez Noya, que ofrecerá o relatorio inaugural

Os interesados en asistir poden enviar a súa solicitude a través da páxina web de Xuventude

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia reunirá a mocidade galega, deportistas e adestradores no primeiro gran encontro A mente en forma, que se celebrará o vindeiro 12 de decembro no pavillón de Fontiñas, en Santiago de Compostela, e que busca poñer en valor a importancia da saúde mental no deporte, inspirar á xuventude a través de exemplos reais e fortalecer a colaboración entre os diferentes axentes do ecosistema deportivo galego.

O obxectivo desta iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é reforzar o papel de Galicia como referente en talento, excelencia deportiva e benestar; ademais de promover os valores vencellados a este eido, como son a convivencia e o compromiso, e dar a coñecer oportunidades formativas e profesionais neste campo. Con este fin, a cita arrincará ás 17,00 horas co relatorio Retos e aprendizaxes dun campión, de Javier Gómez Noya, cinco veces campión do mundo de triatlón.

A continuación será a quenda da mesa redonda A mente no deporte: o que non se ve desde a grada, moderada por Estrella López, actual campioa de  España de Judo, sete medallas en Grand Prix e Grand Slam e psicóloga deportiva. Nela participarán Melania Rodríguez, ximnasta dúas veces campioa do Mundo de Doble Mini-Tramp, Víctor Pérez, adestrador do CB Breogán e integrante da selección española sub-19, e Santiago Tarrío, dobre campión do Challenge Tour de Golf.

A programación seguirá coa mesa redonda Máis que deporte: seguir soñando dentro e fóra do xogo formada por Guille Carracedo, actual campión do mundo coa selección española e campión de Europa de Paddle Surf (2022), Carolina García, bronce no mundial de Alemaña 2023, e Xisela Aranda, sete veces campioa de España de Squash. Continuarase cunha exhibición deportiva e o relatorio Unha historia de primeira con Lucas Pérez, exxogador do RC Deportivo. As fotos e autógrafos cos deportistas poñerán o punto final á cita.

Toda a información e o programa completo está dispoñible no portal  de Xuventude, onde tamén poden rexistrar xa as súas solicitudes todas as persoas interesadas en asistir. Para facilitar o acceso, o Goberno galego ofrece transporte de balde desde A Coruña, Ferrol, Santiago, Ourense, Lugo, Pontevedra e Vigo.

A cita encádrase no compromiso do Goberno galego coa promoción do emprego e do talento novo, na que destacan outras iniciativas como o Xuventude Mentoring, que busca mellorar as habilidades e competencias da mocidade galega para a busca de emprego a través de asesoramento personalizado, ou o recentemente celebrado Xuventude na onda, que conecta o talento mozo e os sectores de innovación, ciencia e empresa, favorecendo a creación de sinerxías e novas oportunidades de colaboración.

Data de actualización: 07/12/2025