Rueda aborda coa nova fiscala superior de Galicia os retos aos que se enfronta a xustiza na comunidade

O presidente da Xunta mantivo o seu primeiro encontro institucional con Carmen Eiró tras a súa toma de posesión o pasado 17 de novembro

Na reunión puxo de relevo o compromiso do Goberno galego coa modernización da Xustiza

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta semana o seu primeiro encontro institucional coa nova fiscala superior de Galicia, Carmen Eiró, tras a súa toma de posesión o pasado 17 de novembro. A reunión, na que ambos apostaron por reforzar a cooperación institucional, permitiu abordar os retos aos que se enfronta a Administración de Xustiza na comunidade.

Neste eido, a Xunta segue avanzando na implantación de Lei estatal de eficiencia do servizo público de xustiza, coa fase III, correspondente aos partidos xudiciais das sete grandes cidades. Cómpre lembrar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma na publicación das relacións de postos de traballo da Secretaría de Goberno e das oficinas de xustiza e das oficinas xerais do Rexistro Civil correspondentes a esta fase.

Na reunión tamén se puxo de relevo o compromiso da Xunta coa Administración de Xustiza e a súa modernización, coa creación de novas prazas para 2026 de funcionarios tanto nas seccións de violencia sobre a muller como nas fiscalías; avances na dixitalización a través do III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia. Senda 2025, e melloras nas infraestruturas xudiciais.

Carmen Eiró é a primeira muller en ocupar a Fiscalía Superior de Galicia, o que supón un fito no sistema xudicial galego, onde as mulleres ocupan o 47,7 % das fiscalías supeirores, o 43,2 % en fiscalías provinciais e o 56 % en fiscalías de área.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/12/2025