A Xunta licita por máis de 29.600€ a instalación de pavimento podotáctil no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e no Palacio de Xustiza en Ourense
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o expediente de contratación no que se recolle que as empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 13 de outubro
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación da instalación de pavimento podotáctil noTribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e no Palacio de Xustiza de Ourense. As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 13 de outubro.
Cun orzamento base de licitación de máis de 29.600 euros, a colocación deste pavimento cun relevo específico para axudar ás persoas con discapacidade visual a orientarse contribúe a unha maior autonomía, orientación, accesibilidade e seguridade das persoas con discapacidade visual. Ademais, trátase dunha advertencia táctil de posibles barreiras de interiores e exteriores, como pasos de peóns, escaleiras, esquinas, ascensores, carrís-bici, plataformas, entradas de edificios, obras ou obstáculos puntuais. Tamén conta con cores con contraste sobre o resto do chan para persoas con baixa visión, patróns en relevo como puntos ou liñas que poden ser percibidos ao camiñar.
Prevese que a actuación se leve a cabo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da formalización do contrato.
A través desta contratación preténdense mellorar a accesibilidade destas sedes xudiciais e dotalas de medios e servizos que permitan levar a cabo a súa actividade dun xeito máis confortable e accesible para toda a poboación.