O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento como persoal estatutario fixo e o destino definitivo dos seleccionados no concurso-oposición e concurso de méritos para o ingreso en diversas categorías

Resultaron nomeados 199 profesionais en diferentes categorías de persoal estatutario, dos cales 152 accederon polo sistema de concurso-oposición e 47 por concurso de méritos

Os seleccionados disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes seleccionados no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de celador, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermaría. Trátase dos procesos convocados polas resolucións do 14 e 15 de decembro de 2022 e no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso nas categorías de celador e grupo auxiliar da función administrativa, convocados polas resolucións do 26 e 28 de decembro de 2022.

A resolución destes procesos suporá a incorporación de 199 profesionais fixos ás institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia.

No concurso-oposición resultaron nomeadas 152 persoas, das cales 17 corresponden á categoría de celador, 70 á categoría do grupo auxiliar da función administrativa, 38 á categoría de persoal de servizos xerais e 27 a de técnico en coidados auxiliares de enfermería.  Cómpre destacar que neste proceso selectivo incorporáranse cinco aspirantes pola quenda de discapacidade intelectual, catro pertencentes á categoría de persoal de servizos xerais e un á de celador.

No proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, resultaron nomeadas 47 persoas, das cales 32 corresponden á categoría de celador e 15 ao grupo auxiliar da función administrativa.

Este é o segundo proceso de nomeamento como persoal estatutario fixo e adxudicación de destino definitivo nestas categorías estatutarias que se fundamenta na execución da base 10.4 das resolucións de convocatoria que prevé que, co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de situacións en que as persoas seleccionadas por diversos motivos non continúen no proceso, cubrirase a baixa coa persoa aspirante incluída inmediatamente a continuación na relación de seleccionadas, pola orde de prelación que resulte da lista definitiva.

Os nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 9 de xaneiro de 2026.

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao interesado e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. En casos de forza maior, e por instancia da persoa interesada, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.

Os aspirantes  poden dirixir todas as dúbidas e consultas ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.

 

Data de actualización: 09/12/2025