A Xunta asina con CSIF a súa incorporación ao acordo de mellora do sistema educativo acadado en 2023 con CC.OO., ANPE e UGT-SP Ensino

Román Rodríguez agradece á Central Sindical Independente e de Funcionarios a “altura de miras” para seguir afianzando a calidade do ensino galego

Subliña que se trata dun acordo “aberto” a todo o mundo e “en constante mellora” a través de novas negociacións no marco da dita comisión creada a tal fin

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP tamén se reúne cos catro sindicatos na comisión de seguimento para continuar desenvolvendo o acordo

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia vén de asinar coa  organización sindical CSIF (Central Sindical Independente e de Funcionarios) a súa incorporación ao Acordo de mellora estrutural do sistema educativo galego acadado en 2023 entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e as organizacións sindicais CCOO, ANPE e UGT-SP Ensino.

Logo da sinatura entre o titular de Educación do Goberno Galego, Román Rodríguez, e a presidenta autonómica de CSIF, Rosa María Silva, os representantes da Xunta e dos catro sindicatos firmantes celebraron unha da comisión de seguimento para continuar desenvolvendo o acordo.

Román gabou a decisión de CSIF a incorporarse a este acordo e agradeceu a súa disposición a “seguir sumando” para afianzar o sistema educativo galego como “un dos mellores sistemas de ensino públicos de España”.

O conselleiro de Educación aproveitou para lembrar que este é un acordo “aberto” e “calquera que o desexe, pode seguir sumándose”. Subliñou, ademais, que está en “continua mellora” a través das negociacións constantes que se están levando a cabo no marco da comisión de seguimento do acordo creado para tal fin. “Supón un avance incuestionable na modernización educativa cun camiño progresivo que xa non ten volta atrás”, abondou.

Grazas a este acordo, que ademais quedou blindado como norma de máximo rango a través da lei de medidas, Galicia sitúase por diante a nivel estatal en garantir unha atención máis personalizada ao reducirse a cifra de estudantes por aula e ao contabilizar por dous ou por tres os alumnos con necesidades, unha medida pioneira da Xunta que agora pretende copiar o Goberno do Estado. Ademais, melloráronse os agrupamentos no rural e lograron salvarse unhas 500 aulas nestes tres anos malia a baixada da natalidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/12/2025