A Xunta impulsa un proxecto lúdico e formativo para estimular o talante emprendedor entre os cativos
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a iniciativa culmina o día 13 cunha feira na Praza de Abastos na que 60 nenos e nenas ofrecerán os seus produtos
Lugo, 9 de decembro de 2025
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración impulsa un proxecto para fomentar a creatividade e o espírito emprendedor entre os escolares dunha maneira lúdica e educativa. Foi organizado pola escola de tempo libre lucense Bulideira coa colaboración de Barafunda Animación, e culminará o próximo sábado, día 13, cunha feira na que os participantes presentarán os seus produtos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou hoxe xunto ao director de Bulideira, Ramón García, os detalles da iniciativa, que terá lugar no soto da Praza de Abastos desde as 16,00 ata as 20,30 horas. Un total de 60 nenos e nenas de Lugo, de 8 a 12 anos, ofrecerán as elaboracións nas que veñen traballando desde hai semanas coa axuda das súas familias.
A “Feira de emprendemento infantil para o comercio de Lugo” pretende poñer en valor o comercio local ao tempo que estimula as habilidades dos menores para iniciar un negocio, a través da creación e venda de produtos ou servizos.
Arias invitou á cidadanía a visitar a feira e colaborar cos nenos e nenas participantes. Os produtos e servizos terán un custo de entre 0,50 e 2 euros e, ao rematar, deberán avaliar se a súa idea funcionou e se obtiveron ganancia. Deste xeito, apuntou, “coñecen o esforzo que require a creación da súa pequena empresa, pero tamén a satisfacción de sacar adiante o seu propio negocio”.
A actividade botou a andar en setembro coa difusión nos centros educativos. Creáronse 25 empresas, individuais ou cun máximo de tres integrantes, e tanto os participantes como as familias recibiron dúas sesións de teleformación nas que se explicaron conceptos tales como o valor do diñeiro, as finanzas, impostos ou créditos.
Así mesmo, os menores traballaron aspectos como a oratoria, os valores do comercio local, as matemáticas, as habilidades sociais e a autonomía, e decidiron e elaboraron os produtos que agora poñen á venda.