O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe un dos establecementos de Bermello Electrodomésticos en Ourense
A Xunta reforzará en 2027 os medios do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia para impulsar melloras de prevención e benestar nas empresas
A dotación de medios humanos e técnicos para converter o Issga no organismo de referencia, tal como prevé o Plan integral acordado no marco do Diálogo Social e aprobado en setembro, supón un investimento adicional de 1,2 M€ o vindeiro exercicio
O instituto será clave na posta en marcha de boa parte das medidas incluídas no eixe de reforzo da prevención e do benestar laboral previstas no documento
O Plan integral fai especial fincapé nas pemes, microempresas e persoas traballadoras autónomas, con medidas como o programa Coida Peme ou achegas á contratación de servizos de atención psicolóxica e musculoesquelética, entre outras
Ourense, 17 de outubro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe unha das tendas de Bermello Electrodomésticos en Ourense, onde destacou que as pequenas e medianas empresas coma esta son potenciais beneficiarias de boa parte dos apoios previstos no Plan Integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029 para mellorar o ecosistema e o clima laboral nas empresas.
Nesta liña, José González lembrou que o plan prevé o reforzo da dotación de medios humanos e técnicos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para convertelo no organismo de referencia na execución de boa parte das medidas de prevención e benestar incluídas nel. Ese reforzo suporá o vindeiro ano un investimento adicional de máis de 1,2 M€ co gallo de dar resposta ás necesidades recollidas no plan, aprobado o pasado setembro froito do acordo acadado no marco do Diálogo Social entre a Xunta, a patronal CEG e o sindicato UGT-Galicia.
O conselleiro recordou que un dos obxectivos específicos recollidos no documento é o de fortalecer os instrumentos de apoio a pemes, microempresas e persoas traballadoras autónomas para que poidan acceder á prevención, ao asesoramento e ás medidas de reincorporación laboral tras unha baixa, animándoas a ir neste eido sempre máis aló do que esixe a normativa vixente.
Tecido produtivo
Na visita —na que estivo acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, e polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo—,González puxo en valor medidas a prol do benestar laboral incluídas no plan como as axudas ao investimento en equipamento ergonómico para as pequenas e medianas empresas. A maiores salientou o programa Coida Peme, que contará con achegas para a contratación de servizos de atención psicolóxica e musculoesquelética homologados, que sexan para o conxunto dos cadros de persoal e confidenciais para as persoas traballadoras.
Sobre clima laboral, a folla de ruta contempla formación de equipos directivos e mandos intermedios neste eido. Tamén a difusión de guías a través do Issga para o fomento da flexibilidade na organización do traballo con bolsas de horas, axustes horarios ou cambios temporais de tarefas, entre outras.
Co foco na reincorporación saudable tras unha baixa, o acordo entre a Xunta e os axentes sociais prevé apoios a microempresas e a persoas autónomas durante as baixas de longa duración, con axudas para a substitución que permitan manter a actividade e facilitar a reincorporación. Tamén incentivos para financiar ferramentas, equipamentos ou outros apoios que faciliten a volta ao traballo tras unha baixa prolongada, máis alá das obrigas legais da empresa neste eido.
Na mesma liña, o titular de Emprego, Comercio e Emigración puxo en valor o xa anunciado mecanismo piloto de acompañamento á reincorporación, orientado a facilitar unha volta saudable ao traballo e a evitar recaídas. Para iso, recordou que se creará a figura do coordinador ou coordinadora de reincorporación, que acompañará de xeito voluntario a persoa traballadora e facilitará a coordinación coa empresa e o servizo de prevención, sen acceder á historia clínica nin interferir nas decisións dos profesionais sanitarios.
González lembrou tamén que o Plan integral recolle —entre as súas 37 medidas xa anunciadas— a nova Fiestra Única Galega de Saúde Laboral e Apoio á Reincorporación Saudable, un servizo público que será gratuíto e especialmente orientado a pemes, microempresas e autónomos. Ofrecerá asesoramento, diagnóstico preventivo, orientación, apoio na tramitación das axudas e tamén específico nas reincorporacións.
Premios do Comercio Galego 2026
O conselleiro tamén aproveitou a visita para felicitar a Bermello Electrodomésticos por ser finalista dos Premios do Comercio Galego 2026, na categoría Traxectoria, polos seus 90 anos de historia e por saber adaptarse aos novos tempos modernizando e dixitalizando o seu comercio. Na gala que terá lugar en Ourense o vindeiro 27 de outubro, competirá coa firma viveirense Óscar Joyeros e con Alonso Carnicería, de Salceda de Caselas.