O presidente da Xunta participou hoxe na XI edición dos Premios Executivas de Galicia

Rueda pon en valor o talento feminino galego que contribúe a unha Galicia máis dinámica e competitiva

Destaca que o talento, a ambición empresarial e a estabilidade son características da nosa comunidade e salienta que a igualdade de xénero favorece o progreso económico de Galicia

Co obxectivo de promover a incorporación das mulleres en sectores masculinizados, a Xunta ten en marcha diversos programas e estratexias para incentivar a contratación de mulleres neses sectores

Vigo, 15 de outubro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o talento feminino galego como un valor á hora de promover unha Galicia máis competitiva e a aposta por combinar tradición e vangarda na nosa comunidade.

Durante a súa intervención na XI edición dos Premios Executivas de Galicia, no que estivo acompañado da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o titular do Executivo galego agradeceu á asociación o seu papel como aliada no avance cara unha Galicia máis igualitaria.

Neste sentido, Rueda sinalou que estes premios recoñecen o talento e a traxectoria profesional de diversas mulleres que tamén son exemplo da Galicia Calidade que identifica á nosa comunidade no mundo. Nesta ocasión, as premiadas son Yanina Hallak, Begoña Vila e a Asociación Mulleres Salgadas.

O presidente destacou que o talento, a ambición empresarial e a estabilidade son características da nosa comunidade, que a fan dinámica e competitiva. Ademais, resaltou a aposta de Galicia por compaxinar tradición e vangarda, preservando e modernizando oficios tradicionais, como os vencellados ao mar, á vez que se aproveitan as oportunidades de sectores estratéxicos como o aeroespacial. Así, cómpre lembrar que a Xunta ten en marcha a Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo, que ten previsto mobilizar 900 M€ neste eido.

Tamén durante o acto, Rueda salientou que, aínda que se ten avanzado moito na igualdade de xénero nos últimos anos en Galicia, cómpre seguir traballando, tamén en favor do progreso social e económico da comunidade.

Co obxectivo de promover a incorporación das mulleres en sectores masculinizados, o Goberno galego ten en marcha diversos programas e estratexias para promover a contratación de mulleres neses sectores, visibilizar o talento feminino e ao mesmo tempo favorecer o avance económico de Galicia. Exemplo disto é a recente aprobación, no Consello da Xunta desta semana, dos textos dos Estatutos para as mulleres do mar e do rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2026